As obras de reforma da contorna da Farola seguen avanzando a bo ritmo. O vindeiro xoves quedará pechada ao tráfico a Rúa 56 ou, o que é o mesmo, a rúa que se emprega para acceder á Farola desde Figueiroa. Isto faráse para continuar por ela os traballos de reforma. As previsións contemplan que se poida reabrir ao tráfico en dúas semanas.
Deste xeito, dende o vindeiro 4 de decembro a Rúa 56 sumaráse ao peche de San Paio, Marqués Vega de Armijo e Don Nicolás. Debido a iso, reorganizaráse o tráfico, de tal xeito de que A Farola só servirá para acceder desde Pérez Viondi á Rúa Peregrina.
Esta situación tamén afectará á Travesía da Igrexa, que conecta coa zona do Cruceiro, e ás paradas de taxi e autobús. No caso dos taxis, dende o vindeiro xoves a súa parada situaráse de xeito temporal na rotonda da Farola, diante do Banco Santander. Pola súa banda, a parada de bús desa mesma praza reubicaráse na Praza do Concello.

Durante as dúas semanas de peche faráse un fresado integral do asfalto e, despois, aplicaráse un formigón de limpeza. “Despois de botar o formigón de limpeza poderase pasar ata que comece a colocarse a pedra”, avanzou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.
“Estase traballando na Rúa Don Nicolás, con ese primeiro treito case rematado, e continuarán cara a igrexa parroquial de San Paio. Tamén se está rematando a pavimentación na Rúa Marqués de la Vega de Armijo e nas vindeiras semanas as obras concentraranse no entronque entre a Rúa 56 e a Rúa San Paio”, explicou o rexedor.
“Entendemos que facer obras sempre ten estas consecuencias e molestias. Para a parte comercial non van ser gravosas, porque non se afectará ás beirarrúas, pero é certo que para a circulación vanse afectar moitos costumes que temos”, recoñeceu Louzao.
O mandatario lembrou que “dixemos que non queriamos afectar á Praza de Galicia durante o Nadal porque é unha arteira comercial moi importante e tamén escenario da programación que se presentará estes días”, polo que os traballos non chegarán ata a propia Praza de Galicia ata 2026, momento no que tamén se volverá a pechar ao tráfico a Rúa 56 para colocar o pavimento definitivo.
Imaxe de portada: obras na Rúa San Paio, hai dúas semanas // Xornal da Estrada


Deixar un comentario