A Fundación Andrea transformará as consultas de Pediatría
A solidariedade vai protagonizar parte do Nadal estradense. Comezando polo acendido do alumeado de Nadal do vindeiro venres 5, que recaudará fondos para Asanog, seguiráse co Papá Noel solidario coa Fundación Andrea o domingo 14 e remataráse coa San Silvestre en Fin de Ano.
Este ano contarán con máis actividades, habendo inchables, rocódromos, os cans de axuda Só lles Falta Falar, un obradoiro de adornos de Nadal con 4Elefantes, un concerto da Escola de Música de Barbude, unha exhibición de Priscila Dance, outra do Club Ximnasia A Estrada, un concerto da Banda Xuvenil da Estrada, unha exhibición de Stradanza, un concerto de Musikenos, unha exhibición de Sondodance, sorteos, pintacaras con SOEI e Ancacos e construcións magnéticas con Pintaletras.
Segundo avanzou este mércores un dos organizadores, Iván Lorenzo, para as fotos con Papá Noel haberá dous fotomatóns, por se se estropease un. Lorenzo quixo agradecer a todos os que colaboran na participación e comentou que unha das grandes novidades será a participación do Xabarín Club e, a outra, que “a Asociación Ocionautas vai traer unhas gafas virtuais para que os nenos poidan facer un graffiti ou xorgar a un videoxogo con elas”.
Recordou que xa está aberta a venda anticipada, podéndose adquirir as entradas en Agasallos, Pintaletras, Esperando a Valentina, Anacos, Soei e 4 Elefantes. “Queriamos intentar facer a menor cola posible”, recoñeceu.
Durante o evento contarán coa animación de Pablo García ‘Chichas’ e haberá chocolate con churros. Mostrou o orgullo de todos os organizadores por ter unha “programación 99% estradense”.
Avanzou que se sortearán 2 bonos da ACOE, 1 bicicleta de Marque Cycling, 1 bono de Esperando a Valentina e outro bono para Cuídate.
Pola súa banda, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, lembrou que a Fundación Andrea “traballa todo o ano en prol de que os nenos que están hospitalizados, sobre todo os de hospitalización de longa duración, teñan esa axuda dos voluntarios ou axudas económicas para os tratamentos ou para axudar ás familias” e que eventos como este axudan a que “a fundación poida desempeñar os fins para os cales foi fundada”.
Recordou que na súa primeira edición logrou reunir a 2.500 persoas e recaudar máis de 8.000 euros e agardou que este ano logren mellorar esas cifras.
A fundación transformará as consultas de Pediatría
A presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, comezou a súa intervención recoñecendo que “para nós é un agasallo” que se celebren eventos deste tipo, pois “todo o que se fai ao longo do ano é pouco”.
Informou de que “nós necesitamos eses cartos para facer todo o que facemos ao longo do ano e este Papá Noel Solidario dános un impulso bárbaro”.
“Nós sempre intentamos recoñecer dalgún xeito o que se nos dá”, continuou Barca. “A nosa devolución ao concello da Estrada é que xa falamos co conselleiro de Sanidade e implicámonos de forma directa xa este ano en transformar todas as consultas de Pediatría” para que “todas as familias que acoden con nenos pequenos” a elas “atopen o mundo máxico que estamos construíndo nos hospitais”, avanzou.
Imaxe de portada: Presentación do Papá Noel Solidario // Concello da Estrada


Deixar un comentario