| Os implicados nun accidente nocturno tiveron que agardar por unha patrulla que estaba “a 40 quilómetros” | Xubilouse Aurelio Fernández, policía local na Estrada durante 37 anos
O voceiro do BNG estradense, Xoán Reices, denunciou a “despreocupación e incompetencia” do Concello en materia de seguridade nocturna que, segundo el, “mantén ao concello nunha situación de vulnerabilidade e abandono inadmisibles”.
“Leva seis anos o PP ignorando seguridade das nosas veciñas e veciños. Seis anos nos que, por decisión política deste goberno de maioría absoluta, non hai policía local polas noites na Estrada” e nos que “tampouco se garantiron patrullas da Garda Civil durante os finais de semana”, asegurou o nacionalista.
Exemplificou o sucedido cun accidente ocorrido na noite do domingo ao luns na Rúa Gradín. “As persoas afectadas e as veciñas que acudiron a axudar atopáronse cun baleiro de autoridade, cun desamparo total. Ninguén respondía. Tiveron que esperar, angustiados, a que unha patrulla da Garda Civil desprazase dende Pontevedra, a 40 quilómetros de distancia”, detallou.
Culpa desta situación ás “prioridades erradas deste equipo de goberno. Mentres nos anuncian obras e proxectos, descoidan o máis básico: garantir que, ante unha emerxencia, as nosas veciñas e veciños estean atendidos nun tempo razoable”. “40 minutos de espera ou máis nunha situación de accidente poden ser a diferenza entre a vida e a morte. É inxustificable e é unha irresponsabilidade política de primeira magnitude”, comentou.
Por iso, solicitou que se restableza o servizo nocturno de forma “urxente”, que se faga un “protocolo coordinado e garantido coa Garda Civil para que, en ausencia da policía local, exista sempre unha patrulla operativa e próxima durante tódolos días da semana” e que compareza o alcalde ante o pleno para dar explicacións “desta situación de desprotección mantida durante seis anos e do plan concreto e con datas para solucionala”.
“Non admítiremos máis escusas, máis xogos de despiste ou máis promesas baleiras”, sentenciou Reices. “A seguridade non é un luxo, é un dereito fundamental. E nós non vamos descansar ata que as veciñas e os veciños recuperen a tranquilidade de saber que, se precisan axuda, as forzas de seguridade estarán alí en minutos, non en decenas de minutos vidos doutra cidade”, concluíu.
Xubilación dun policía local

Esta reclamación chega o día despois de que se anunciara a xubilación de Aurelio Fernández, policía local no municipio durante os últimos 37 anos. Entrou a formar parte do corpo policial o 9 de febreiro de 1989, sendo alcaldesa Elvira Fernández. Durante a pandemia era exercía a xefatura do corpo policial municipal.
Imaxe de portada: Accidente na Estrada // BNG

Deixar un comentario