
Nos últimos anos A Estrada viviu unha serie de reformas que cambiaron a súa morfoloxía urbana, perdendo protagonismo os coches e gañándoo os peóns. Nestes últimos sete anos reformouse por completo a alameda e a Praza da Constitución, peonalizouse o centro e mudouse a apariencia da Praza da Feira.
A nova alameda
Podemos marcar o inicio desta etapa a mediados de novembro de 2018, cando as máquinas chegaron aos xardíns municipais. Tras anos de reclamacións, conseguiuse a parcela anexa a eles, na que había unha vivenda abandonada, para ampliar este espazo de recreo.
As lousas de pedra que acompañaron a infancia de moitos rapaces desaparecerían baixo un manto de cemento branco. Do mesmo xeito, a pérgola, que na memoria do proxecto considerouse que “xera unha barreira física entre a alameda e a praza rompendo a continuidade visual e a percepción da casa consistorial e o palco”, foi retirada e chegouse a anunciar que se reubicaría noutro espazo, aínda que iso aínda non aconteceu a día de hoxe.

Esta obra orzamentouse en 1,51 millóns de euros e os xardíns reabríronse dez días antes da celebración das eleccións municipais de maio de 2019.
A Feira e o centro
En plena pandemia da Covid-19, A Estrada pechaba ao tráfico as rúas Ulla e Calvo Sotelo. Esta experiencia serviría para o que viría despois: a peonalización do centro e da Praza da Feira, que ata aquel entón era un aparcadoiro.

Entre o 31 de outubro e o 3 de novembro de 2020 os estradenses puideron votar nun referendo para elixir o novo deseño da Praza da Feira — aínda que os seus votos só contarían no 25% da decisión –, sendo elixido o proxecto Baixo as árbores.
As obras de reforma deste espazo tamén irían acompañadas da peonalización do centro estradense. Estes traballos descubiron a antiga estrada de adoquín que tamén foi escenario das vivencias da infancia de moitos estradenses e que levou a Ricardo Terceiro a publicar o libro Historias do adoquín. As obras remataron en xuño de 2022.

Estas actuacións tiveron un precedente. En decembro de 2020 pechouse ao tráfico o tramo de Serafín Paso comprendido entre a Praza do Concello e A Farola. Foi a primeira peonalización desta etapa posterior ao confinamento.
A Farola
De todos estes grandes proxectos que mudaron e están mudando a apariencia da zona céntrica da Estrada Xornal da Estrada só puido cubrir — e está cubrindo — un: a peonalización da Farola.
A historia deste proxecto, como repasamos nun especial, remóntase a hai máis de dous anos (antes do noso nacemento), pero foi no 2024 cando colleu peso na actualidade política. Falouse de retirar o farol que lle dá nome, aínda que finalmente decidiuse que permanecera nalgún espazo da Praza de Galicia.
O proxecto presentado desprazábaa ata as proximidades da estatua dos cabalos, pero despois de terse celebrado unha manifestación tocou votar nas urnas a súa ubicación definitiva, ademais de se empregaba o farol orixinal ou o actual. Gañarían o farol actual e a opción de situala na “zona central superior da nova praza peonil”.

En outubro comezaban as obras por Don Nicolás, onde prácticamente xa están rematadas, e continuaron por Marqués Vega de Armijo, San Paio e 56. Será en 2026 cando as máquinas traballen na propia Praza da Farola.
O farol que lle outorga o nome oficioso á praza levarase a restaurar e, entre as novidades, atoparase a recuperación da fonte que había na Praza de Galicia. Esa fonte trasladouse á alameda, onde estaría ata que comezou a reforma coa que abrimos este artigo.

A estética do futuro
Chegados a este punto, cómpre preguntarnos cal será a aposta polo futuro dos espazos públicos ao aire libre da Estrada. O goberno municipal ten en mente outro gran proxecto, para o que destinaron unha partida nos orzamentos de 2026. Trátase da Carballeira de Melania, que queren abrir ao público, ademais de habilitar unha zona de estacionamento.
Aínda así, en canto ás rúas, o futuro pasa pola humanización. Esa é a intención que mostraron en varias ocasións desde o Concello, sendo unha das obras máis próximas a humanización do segundo treito de Pérez Viondi, onde se atopa o colexio homónimo. Outras zonas que sonan con forzas, aínda que polo momento non se confirmou ningún plan, son o treito final de Ponteareas — que quedou como unha rúa sen saída tras pecharse ao tráfico a Porta do Sol –, o primeiro treito de Justo Martínez (o segundo xa se humanizou), a Rúa Gradín e a Avenida de América.
Imaxe de portada: montaxe da alameda, Calvo Sotelo e A Farola // Xornal da Estrada


Deixar un comentario