Raquel Campos gaña o seu segundo Reimóndez Portela

Raquel Campos gaña o seu segundo Reimóndez Portela

Polo artigo “Non estamos ben en internet”

“Ofrece unha lectura amena que conecta co lector dende o primeiro parágrafo, introducindo o paradoxo de que na era da información o principal perigo é a desinformación, reivindicando como antídoto un xornalismo lento e reflexivo”. Así valorou o xurado o artigo Non estamos ben en internet, da xornalista Raquel Campos Pico.

Con ese texto a santiaguesa gañou o seu segundo Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, xusto no ano no que o galardón fai o seu triséximo aniversario. O xurado, conformado por Lois Docampo Míguez, David Cofán Mazás, Ana Cela Neira, Yuri Carrazoni Mier, Juan Andrés Fernández Castro e María Victoria Reimóndez Sanmartín, consideraron que debía gañar entre as 21 candidatas que concorreron ao certame que leva o nome do médico e humanista de San Miguel de Castro.

Non estamos ben en internet é unha reportaxe en profundidade que aborda o impacto que ten a hiperconexión do mundo actual na saúde mental e no benestar emocional, ademais de reflectila coma un novo elemento de presión no entorno laboral. Afronta temas de total actualidade ofrecendo enfoques diferentes, facendo uso de fontes “coas que resulta fácil a identificación, á par doutras máis profesionais que poden afondar na cuestión que se analiza sen ser superficial”, segundo recolle o fallo do xurado.

Tras coñecerse a decisión, a edil de Cultura, Lucía Seoane, púxose en contacto coa gañadora. Foi ela quen lembrou que no 2016 tamén gañou este galardón co traballo titulado Descubrindo á esquecida <<Marquesa Roja>>.

Graduada en Ciencias da Información no ano 2007, Raquel C. Pico non deixou de exercer o xornalismo, decantándose polos medios electrónicos. Despois de pasar por distintas redaccións, dende hai unha década exerce como freelance. Natural de Santiago, vive e traballa entre Compostela e Vigo. Sinala que se vén presentando en distintas convocatorias a este premio e confesa que, no “pecado” da hiperconexión ela mesma está “dos dous lados”. A peza ofrece tamén esta perspectiva dobre, entre a necesidade laboral e persoal de vivir conectados e o feito de que a desconexión e a posibilidade de apagar o móbil estea próximo a converterse nun privilexio de clase.

Imaxe de portada: reunión do xurado // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario