É a segunda xornada de folga no transporte de pasaxeiros da provincia da Coruña
As liñas de autobús que teñan algunha parada, saída ou chegada na provincia da Coruña pódense ver afectadas pola folga no servizo de transporte na pronvincia coruñesa prevista para o venres 12, luns 15 e venres 19 de decembro.
Nos servizos mínimos recóllese que as rutas de ida e volta da Estrada a Santiago non están incluídas neles, polos que podería producirse algunha afectación na prestación do servizo. Pódense consultar os servizos mínimos na web de Transporte Público de Galicia
De feito, na xornada de paro do pasado venres os piquetes impediron, incluso, que se cumpriran os servizos mínimos e que os buses que entraban na estación de Santiago de Compostela puidesen saír.
Os participantes reclaman que se desbloquee o novo convenio, que leva catro anos paralizado. Esixen que se aborden varias necesidades que consideran cruciais, tales como unha subida salarial digna, a redución da xornada e a ordenación do tempo do sector — medidas que consideran necesarias para “humanizalo” –, a actualización e modernización dos permisos retribuídos e días de asuntos propios, o recoñecemento do transporte discrecional como unha actividade que tamén é un servizo público de primeiro nivel e cuxa responsabilidade non debe recaer unicamente sobre o persoal condutor e da xubilación parcial e a ordenación da xornada para o persoal acompañante.
Imaxe de portada: estación de autobuses da Estrada // Xornal da Estrada


Deixar un comentario