A Estrada presenta un Plan de Saúde marcado polo envellecemento

A Estrada presenta un Plan de Saúde marcado polo envellecemento

A Estrada incorporarase á Rede Española de Cidades Amigas da Infancia e das Persoas Maiores

Este luns presentouse o Plan de Saúde Local 2026-2030, que estará marcado polo envellecemento da poboación. Este marca o camiño para mellorar a saúde da poboación, partindo da realidade social e sanitaria do municipio. No acto participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, o xefe de Atención Primaria no servizo estradense, Juan Sánchez Castro, o concelleiro de Sanidade, Óscar Rancaño e a coordinadora de Enfermería do centro, Maite Matalobos.

Este plan busca conectar a atención sanitaria, os servizos sociais e a acción comunitaria, co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, máis proactiva e mellor adaptada ás necesidades reais da poboación.

Á hora de realizar este plan tívose en conta que o concello non escapa á realidade do envellecemento. O índice de envellecemento é de 300 ou, o que é o mesmo, por cada tres persoas maiores de 65 anos só hai unha menor de 16. A iso súmaselle que o 7% da poboación, unhas 1.500 persoas, ten máis de 85 anos. Asemade, produciuse un aumento das enfermidades crónicas, que hoxe condicionan a maior parte da atención sanitaria.

Incidiron na necesidade de repensar o modelo asistencial como consecuencia da falta de médicos de cabeceira e da elevada presión asistencial.

Iniciativas

Entre as iniciativas comunitarias atópanse a incorporación da Estrada á Rede Española de Cidades Amigas da Infancia e das Persoas Maiores, así como o proxecto e-GALIAT, orientado a promover unha alimentación saudable e sostible baseada na dieta atlántica.

No ámbito sanitario recóllense medidas para mellorar a asistencia no Punto de Atención Continuada (PAC), manter a e-consulta avanzada en cardioloxía, impulsar unha e-consulta neurolóxica para a detección precoz de problemas de memoria e ofrecer unha mellor atención ás persoas con enfermidades crónicas complexas, tanto en residencias como nos seus domicilios.

Apóstase polos modelos de atención de proximidade e autocoidado, sempre desde a elección informada das persoas usuarias e o compromiso coa modalidade elixida.

Imaxe de portada: presentación do Plan de Saúde Local. De esquerda a dereita: Óscar Rancaño, Gonzalo Louzao, Juan Sánchez e Maite Matalobos // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario