López Bueno pide a reapertura do tráfico na Farola

López Bueno pide a reapertura do tráfico na Farola

Comenta que as obras están supoñendo un grave prexuízo para os comercios da zona

O PSOE da Estrada reclamou que se consensúe con Taboada y Ramos, empresa que está executando as obras da Farola, a forma de manter aberta a circulación de entrada e saída do casco urbano pola Praza da Farola. O voceiro do partido, Luis López Bueno, comentou que recibiron queixas “con toda a razón do mundo” dos comerciantes da contorna.

Asegurou que o descenso da facturación foi “importantísimo” por ter coincidido as obras coa campaña de Nadal. “Non parece unha decisión moi intelixente, a non a entende ninguén que teña dous dedos de frente”, declarou antes de preguntarse se se cumprirá o prazo de 15 días que se dou para reabrir o tráfico pola Rúa 56, que vencerá este mércores.

“Todas as obras causan molestias, pero neste caso están sendo esaxeradísimas”

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada

Culpou a Louzao desa situación, pois “anunciou que as obras comezarían inmediatamente despois das Festas do San Paio, pero marchou de vacacións e non fixo máis nada en todo o verán”. Propuxo reabrir o tráfico pola Rúa 56 tanto de entrada como de saída e alongar esa situación, como mínimo, ata o día de Reis, aínda que el aposta por “manter esa situación a primeira semana de rebaixas”.

Asemade, López Bueno indicou que se deberían acordar compensacións económicas para os comercios afectados porque “as perdas que nos foron reportando son moi importantes” e “non sería de recibo obrigar a cada comercio a pasar por un procedemento administrativo longuísimo para reclamar os danos”. O socialista mostrou a súa disposición a presentar unha moción para acordar as compensacións “unha vez que as teñamos completamente cuantificadas”.

Imaxe de portada: corte de tráfico na Farola // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario