“Un importante número de empresarios” participou nunha reunión sobre a ampliación do polígono

“Un importante número de empresarios” participou nunha reunión sobre a ampliación do polígono

Serviu para coñecer as súas necesidades

O Concello da Estrada acolleu este luns unha reunión sobre a ampliación do polígono de Toedo na que, segundo informou o Concello nunha nota de prensa, participou “un importante número de emepresarios” que teñen interese en asentarse nel. Xunto a eles estiveron representantes da Consellería de Economía e Industria e de Xestur, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o concelleiro estradense de Promoción Económica, Óscar Durán.

A directora xeral de Estratexia Industrial, Margarita Ardao, informou de que se está empezando a traballar na redacción do proxecto de urbanización e que, de feito, o prinicipal motivo desta reunión era coñecer de primeira man as necesidades das empresas para “poder debullar un parque adaptado ás demandas reais do concello e das empresas”.

Gonzalo Louzao sinalou que a reunión foi “moi produtiva”. “Buscamos que A Estrada incremente moi pronto a súa oferta de solo industrial. Hoxe concretáronse as necesidades de cada unha das empresas e foi un número moi importante delas”, comentou, aínda que non se ofreceron cifras do número de empresas participantes.

Ademais, explicou que os asistentes quedaron emprazados a futuras reunións para traballar en dúas liñas diferentes: “no proceso de expropiación e no proxecto de urbanización adaptado ás demandas de cada unha das empresas”.

Reunión con empresarios pola ampliación do polígono de Toedo // Concello da Estrada

Continuou falando da importancia de que se concreten esas necesidades antes do mes de febreiro para, así, “poder saber os metros cadrados e as necesidades específicas de cada unha das actividades”.

A previsión é que no 2026 “se fagan as tramitacións urbanñisticas e de expropiación” e que o 2027 quede reservado á propia obra. Con ela ampliaráse a superficie do complexo nuns 157.000 metros cadrados, ou o que é o mesmo, aumentaráse un 82% a súa área.

Imaxe de portada: Reunión do Concello e da Consellería de Economía e Industria cos empresarios // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario