Cada parroquia do rural terá unha illa de reciclaxe

Cada parroquia do rural terá unha illa de reciclaxe

Colocaranse en puntos de referencia

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desvelou este mércores que na reunión que mantivo hai uns días coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, solicitou a colaboración da Xunta para crear 50 illas de reciclaxe no rural, dotadas con todos os contedores. Deste xeito, cada parroquia tería unha illa.

“No casco urbano estamos incorporando illas nas que teñamos a posibilidade de reciclar de xeito global todo tipo de residuos, con colectores de vidro, cartón, amarelos para envases lixeiros ou de residuos orgánicos, o obxecto de facilitar a reciclaxe selectiva. Queremos facer iso en todas as parroquias, nas 50 parroquias rurais que compoñen o concello”, asegurou o rexedor, ademais de confirmar que se colocarían en puntos de referencia.

“Somos o concello de España con máis núcleos de poboación. Todos teñen o seu colector verde e moitos tamén o amarelo para plásticos e envases”, continuou. “O que queremos é que teñan todos os colectores reunidos nunha illa situada nun punto de referencia en cada zona”, engadiu.

Do mesmo xeito, avanzou que se intentará que sexan “respectuosas co medio no que se van situar”, polo que se rodearán dunha estrutura de madeira. A previsión é que estes elementos cheguen durante o 2026.

Imaxe de portada: contedores no rural // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario