Os Reis Magos chegan en carro

Os Reis Magos chegan en carro

Ese é o medio escollido pola ilustradora Rosa de Cabanas

En que van chegar os Reis Magos? Esa é unha das incógnitas que ten o Nadal estradense. Vímolos vir do xeito máis tradicional cos seus camelos, en tren, en globo, en camper ou en tractor.

Este mércores presentouse o deseño que acompañará ás cartas que envíen os máis pequenos da casa ás Súas Maxestades de Oriente. Como leva sendo habitual dende 2018 — aínda que a colaboración comezou un ano antes –, foi a ilustradora estradense Rosa de Cabanas quen o realizou.

“Para min tamén é unha dúbida case ata o último momento cal é o medio de transporte”

Rosa de Cabanas, ilustradora

Nesta ocasión o medio de transporte escollido foi o carro, tirado polos seus correspondentes bois. Con este deseño quixo “recordar o mundo rural”. “Ata hai uns anos o carro era un elemento imprescindible na vida e moitos nenos e nenas non teñen ese contacto directo co rural e a min paréceme unha oportunidade para que moitos nenos coñezan ou poidan preguntar e poidan saber detalles da vida dos nosos avós e pais”, asegurou a artista.

De Cabanas recoñeceu que este traballo “é unha especie de xogo para min” que, á súa vez, “é un dos traballos máis divertidos do ano”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Xuventude engadiu que “a verdade, non o ten xa nada fácil” á hora de escoller como chegarán os Reis Magos.

Amalia Goldar, concelleira de Educación, avanzou que xa se distribuíron as cartas polos centros educativos, a onde irán parar a meirande parte das 2.500 que se poñerán en circulación. Ademais, “para aqueles rapaces que queiran algunha máis, ou se equivoquen e queiran rectificar”, poderánse coller nas dependencias do Concello ou nas librarías locais.

Imaxe de portada: presentación da carta aos Reis Magos // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario