O sábado poderase visitar
Os traballos que se están a realizar no castro de Barbude ou de Trasmonte, impulsados pola Xunta de Galicia, sacaron á luz unha muralla da época castrexa, segundo confirmou este xoves o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campois, durante a visita que fixo a estes traballos patrimoniais e nas que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, polos concelleiros Lucía Seoane, Amalia Goldar e Alberto Blanco e polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.
O responsable de Patrimonio Cultural explicou que a estrutura localizada, aínda en proceso de estudo, correspóndese cunha fortificación defensiva na que se inclúe tanto a construción exterior como un segundo elemento circular que, segundo os primeiros indicios, podería corresponderse á época castrexa. “Trátase dun importante achado que nos axuda a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da nosa Comunidade e que se complementa coa localización de material composto por cerámica da Idade de Ferro”, apuntou López Campos.
Estes traballos céntranse na limpeza dos perfís de acceso á zona máis alta do castro, así como na realización de dúas sondaxes arqueolóxicas para avaliar unha das parcelas e no camiño de acceso. Ademais, o proxecto complétase coa elaboración de materiais divulgativos entre os que se inclúe un vídeo e unha reportaxe de fotografía área. Para iso destináronse 17.700 euros.
Este sábado, ás 10.30 horas, un autobús partirá desde a Praza do Concello para que os que queiran poidan visitar os achados. Farano de xeito guiado por expertos da empresa Adro Arqueolóxicas, responsable das prospeccións que se están realizando.
Os interesados en visitalos deberán reservar praza de xeito presencial no departamento de Cultura do Concello da Estrada ou ben de forma telemática chamando ao teléfono 686 573 601.
Imaxe de portada: visita ás prospeccións // Xunta de Galicia


Deixar un comentario