As obras retomaranse o 12 de xaneiro
Este venres á tarde quedaron reabertas ao tráfico as rúas 56 e San Paio, que canalizan o tráfico da zona de Figueiroa á Farola e viceversa. Isto débese a que as obras da contorna da céntrica praza estradense quedarán paralizadas ata a semana seguinte ao día de Reis, tal e como estaba previsto desde un inicio.
Deste xeito, agora desde a Farola pódese ir ás rúas San Paio, Peregrina, Pérez Viondi e O Cruceiro, ademais de poder entrar na que oficialmente é a Praza de Galicia desde Pérez Viondi e 56. O acceso ao primeiro treito de Don Nicolás permanecerá pechado ao tráfico, pois quedará como unha rúa peonil. No caso de Marqués de la Vega de Armijo, só se permite o acceso a garaxes, que se terá que facer en sentido contrario ao habitual, sendo o punto de entrada e saída o segundo treito de Don Nicolás, é dicir, que desde a Praza da Inmaculada (onde se atopa a igrexa) os vehículos poderán circular en sentido contrario para ir aos garaxes.
Desde o executivo non quixeron entrar nas valoracións feitas polo voceiro do PSOE, Luis López Bueno, hai uns días nas que aseguraba que non se cumpriría o prazo aproximado de dúas semanas que se dera para reabrir ao tráfico dita arteria.
As obras permanecerán paradas ata o luns 12 de xaneiro, momento no que se retomarán, coas correspondentes interrupcións no tráfico rodado. Así, cumpriríase o obxectivo do goberno municipal de que os traballos non afectasen á época de Nadal, especialmente ás cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e Reis (5 de xaneiro).
Regreso á normalidade no transporte público
Outra das noticias que deixa a reapertura ao tráfico das rúas 56 e San Paio é o regreso á normalidade no transporte público. A parada de taxis volve a estar ao carón do Hostal A Bombilla e recuperouse a parada de bus na Farola.
Por outra banda, o illote que existía entre ambas rúas e no que se atopaba a escultura adicada á Rapa das Bestas foi substituído por unha zona de almacenamento de material da obra.
Imaxe de portada: intersección entre Marqués de la Vega de Armijo e Don Nicolás // Concello da Estrada

Deixar un comentario