E próspero aninovo?

E próspero aninovo?

Luis López Bueno · PSOE

Marcha 2025 e con el un ano decepcionante para A Estrada. Só hai que revisar os anuncios de Gonzalo Louzao para comprobar que foi absolutamente incapaz de cumprir ningún dos obxectivos que se marcara. Para min, este foi o ano no que a nova alcaldía perdeu o beneficio da dúbida, xa todos sabemos que o cargo lles queda enorme a case todos.

Vai rematar o ano onde se finalizaría o primeiro tramo da ampliación da autovía. Con toda a pompa e escavadoras, houbo foto para o inicio do segundo tramo, pero rematar o primeiro “ya tal”, como dixera Mariano.

Ía ser o ano no que se contratara o Servizo de Axuda no Fogar e a Recollida de Residuos Sólidos Urbanos. Pois nin unha nin outra. O SAF paralizado dende decembro de 2024  e o Lixo peor ca nunca. Reorganización de contedores e unha idea milagre para instalar unha illa de reciclaxe por parroquia. Menuda revolución, oiga!

Ía estar rematada a reforma da Farola, ía comezar a execución de fondos europeos, ía estar construída a ampliación do Polígono Industrial e deberían estar instalándose xa as empresas… Este goberno incumpriu todos estes anuncios, pero si cumpriron coa suba do 25 % no IBI, que ninguén o esqueza.

Mírese por onde se mire, foi un ano de decepción. A Estrada arrastramos a enorme lousa dun goberno de ineptos que ademais teñen incontinencia verbal. No 2025 non foron capaces de organizar ben a comida do maior. Que se pode esperar destes concelleiros e concelleiras?

E con isto imos entrar en 2026. Eu penso que non imos ver escavadoras en Toedo nin tampouco no segundo tramo da AG-59. Non haberá novo contrato do lixo e veremos se o hai para o SAF.

No 2026 debería estar de actualidade a execución dos Fondos Europeos EDIL. Recordade que neses fondos hai un proxecto para o rural, un proxecto para a Casa da Música e un edificio novo para despachos de Servizos Sociais e Atención Temperá.

Quero recordar que estes fondos son 10 millóns (6 ponos Europa e 4 o Concello), pero podían ser 15 e meter proxectos como a recuperación do Centro de Saúde da Avenida de Santiago, extensión da Fibra Óptica no rural… Pero Gonzalo decidiu que nas parroquias falta cemento. Lamentablemente, non van ser asuntos de actualidade para o ano.

En maio de 2027 temos que ter xustificados o 30% deses fondos (actuacións executadas e entregadas), a esta hora, non ten moita traza de que cumpramos ese obxectivo. Só falta ano e medio e neste palacio, as cousas van moi moi despacio.

O vindeiro ano debería haber novidades en vivenda pública, a pesar de que as partidas orzamentarias para as VPA no entorno do Mercadona sexan claramente insuficientes. Non se van construír, pero polo menos debería existir un proxecto en papel. Eu espero que a Xunta nos permita acceder ao financiamento para mercar e rehabilitar vivenda, sería ideal para recuperar casas en estado de semiabandono e levar novos veciños ás parroquias.

Tamén entramos en ano preelectoral, é normal que todos teñamos un ollo no 2027. Gonzalo continuará coa súa campaña de comprar noticias polo seu aniversario como alcalde (9.000 eurazos públicos este ano), fotos a diario para o “book” do amado líder e anuncios con toda a pompa que ao final son imposibles de cumprir con este goberno. Ademais habemos presenciar os coitelos e loita de egos no PP, de feito, xa os hai. Ide preparando as palomitas.

Marcha 2025 e entra 2026. No último Politicando que nos toca este ano, os Concelleiros e Concelleiras do Grupo Municipal Socialista queremos desexarvos unhas felices festas, e próspero aninovo?

Comentarios

Deixar un comentario