A mala alimentación, un problema crecente de saúde pública

A mala alimentación, un problema crecente de saúde pública

Aitor · Cultivo Gallego

Nos últimos anos, a calidade da alimentación caeu en picado, e os máis afectados son, paradoxalmente, quen máis depende dela para o seu desenvolvemento: a xente nova. Mentres as sociedades modernas avanzan en tecnoloxía, comodidade e acceso á información, a dieta dos adolescentes e nenos detériorase a un ritmo alarmante.

As cifras confírmano: o consumo de alimentos ultraprocesados disparouse, desprazando case por completo froitas, verduras e proteínas de calidade. Produtos cargados de azucres, graxas saturadas e aditivos pasaron a formar parte do menú diario. O resultado é unha xeración exposta a problemas que antes eran propios das persoas adultas: obesidade temperá, hipertensión, resistencia á insulina e trastornos metabólicos entre outros, que ameazan con converterse nunha carga sanitaria de enormes dimensións.

Pero este fenómeno non se debe únicamente a malas decisións individuais. A industria alimentaria ofrece produtos baratos, atractivos e altamente adictivos, presentes en todos os recunchos: dende máquinas expendedoras nos centros educativos ata publicidade dirixida directamente á infancia. A isto súmase a falta de tempo de moitas familias, a ausencia de educación nutricional e un contorno social que prioriza o rápido fronte ao saudable.

As consecuencias non son só físicas. Unha alimentación deficiente afecta á concentración, ao rendemento escolar, ao estado de ánimo e á relación da mocidade co seu propio corpo. O que comen hoxe influirá na súa saúde de mañá, na súa produtividade futura e na sustentabilidade do sistema sanitario.

Fronte a este panorama, é imprescindible actuar.

Un dos piares de Cultivo Gallego é facer chegar unha alimentación de calidade a un prezo xusto a todas as persoas. Para iso cultivamos alimentos de maneira sostible mediante un método de cultivo chamado Cultivo Biointensivo.

Non só quedamos aí, senón que tamén impartimos charlas e obradoiros sobre alimentación consciente, orientados especialmente á mocidade, pero nos que teñen cabida todas as persoas interesadas.

A través destas actividades explicamos o perigo de non contar cunha alimentación axeitada e tamén a importancia de consumir produtos naturais e de tempada.

Falamos tamén de que están feitos os ultraprocesados e de como a alimentación actual evolucionou ata o que é hoxe en día, así como das súas diferenzas coa alimentación dos nosos pais e avós.

A calidade da alimentación non é unha cuestión trivial; é un piar da saúde pública. E é hora de recoñecer que o que está en xogo non é só o menú do día, senón o futuro da nosa mocidade. É moi importante a formación social en cuestións alimentarias.


Un proxecto de

Comentarios

Deixar un comentario