Ribela continúa agardando pola chegada da fibra óptica

Ribela continúa agardando pola chegada da fibra óptica

“Se tiveras que pedir un desexo para 2025 sería ter cobertura en Ribela?”. Esta foi unha das preguntas que formulamos nunha reportaxe sobre os problemas de cobertura que ten a parroquia de Ribela. A resposta foi un rotundo “si”, pero ese desexo aínda non se fixo realidade.

Tampouco a instalación de fibra óptica, algo que segundo a convocatoria do Plan UNICO 2022 – o primeiro do que se beneficiou a parroquia, xunto con moitos outros lugares de todo o concello – tiña que terse producido antes do remate do 2024. De feito, a Valedora do Pobo informoulles diso, tal e como desvelamos na citada reportaxe.

“Os lugares de Trabadela, Sesto e Fondo da Vila, Pumares, Guitón, Carracedo e A Aldea Grande, atópanse nunha zona beneficiada por unha subvención concedida ao operador Avatel no 2022 para o despregamento de fibra óptica no prazo 2022-2024 no marco do Programa UNICO do Goberno de España”

Resposta da Valedora do Pobo aos veciños de Ribela

Desde Xornal da Estrada intentamos poñernos en contacto con Avatel, empresa adxudicataria, para saber cando se podería producir a instalación, aínda que non recibimos resposta. Sen embargo, na web do plan pódese consultar o estado dos proxectos, estando en execución na meirande parte de provincias españolas e con data de finalización prevista a mediados de abril de 2026.

Comentarios

Deixar un comentario