A área xurídica de COGAMI pecha 2025 con 388 actuacións en defenda dos dereitos das persoas con discapacidade

A área xurídica de COGAMI pecha 2025 con 388 actuacións en defenda dos dereitos das persoas con discapacidade

As reclamacións sobre valoración da discapacidade, emprego e accesibilidade concentran a maior parte das intervencións realizadas ao longo do ano.

Por COGAMI

A Área Xurídica de COGAMI remata o ano 2025 cun total de 388 actuacións realizadas, dando resposta a un elevado volume de consultas, reclamacións e intervencións xurídicas vinculadas aos dereitos das persoas con discapacidade en Galicia. O balance anual reflicte a crecente complexidade dos procedementos administrativos e a necesidade de acompañamento especializado para garantir o acceso efectivo a dereitos e recursos fundamentais.

Un dos ámbitos máis destacados foi o relacionado coa valoración do grao de discapacidade, no que se prestou apoio en 77 reclamacións previas, directamente vinculadas á aplicación dos novos baremos establecidos polo Real Decreto 888/2022. Aínda que se teñen detectado melloras na aplicación da norma dende a súa entrada en vigor, continúa a xerar preocupación tanto na entidade como nas persoas usuarias polo impacto directo que estas valoracións teñen nos proxectos vitais, no acceso a prestacións e no recoñecemento doutros dereitos asociados.

No eido do emprego e das condicións laborais, a Área Xurídica atendeu 163 consultas relacionadas con políticas activas de emprego, formación, dereitos laborais, adaptacións de posto de traballo, discriminación por razón de discapacidade ou incapacidade permanente. Moitas destas consultas están vinculadas ás recentes reformas normativas en materia de Seguridade Social e emprego, que afectan á compatibilidade entre incapacidade e traballo ou á obriga de adaptación dos postos laborais.

En materia de accesibilidade, vivenda e produtos de apoio, rexistráronse 37 consultas xurídicas, nas que se pon de manifesto a necesidade de avanzar cara a unha accesibilidade universal real e efectiva, especialmente no acceso á vivenda accesible e na eliminación de barreiras na contorna urbana e comunitaria.

Así mesmo, contabilizáronse 33 actuacións vinculadas a sanidade, dependencia e axudas económicas, así como 51 intervencións relacionadas con información xeral sobre o certificado de discapacidade e os servizos que ofrece COGAMI. Outras 24 actuacións corresponderon a temáticas diversas que non se integran nas categorías anteriores.

Da análise global das demandas recibidas, COGAMI identifica tres grandes bloques de actuación: a valoración da discapacidade (por exemplo, por disconformidade coa resolución do certificado de discapacidade ou non inclusión de patoloxías) e a incapacidade permanente; o emprego tanto ordinario como público e protexido (con consultas sobre adaptación do posto de traballo, discriminación laboral por razón de discapacidade, entre outras); e a accesibilidade, vivenda, prestacións e protección social, todos eles atravesados por procedementos administrativos complexos, reclamacións e garantías xurídicas.

No ámbito territorial, a maior parte das consultas procederon da provincia da Coruña (302), seguida de Pontevedra (89), Lugo (38) e Ourense (22), unha distribución que garda relación coa presenza territorial de oficinas, centros e asociacións integradas en COGAMI en cada provincia.

Este servizo, que é gratuíto, está atendido por dúas profesionais licenciadas en Dereito e conta co financiamento procedente Conselleria de Política Social e Igualdade, a Conselleria Emprego, Comercio e Migración, ademais da Deputación da Coruña e da Deputación de Pontevedra. O obxectivo principal deste programa é informar, asesorar e defender os dereitos das persoas con discapacidade, garantindo o acceso á información e a igualdade de oportunidades. 

Imaxe de portada: // COGAMI

Comentarios

Deixar un comentario