E chega outro ano e pasa tamén

E chega outro ano e pasa tamén

Mar Blanco Casais · MÓVETE

Móvete levamos máis de unha década reclamando e propoñendo medidas efectivas que freen a perda de poboación e que xeren maior benestar social, mentres o goberno local continúa exclusivamente centrado na súa propia propaganda electoral.

Consideramos fundamental priorizar as liñas de actuación encamiñadas a atallar os principais problemas que ten o noso Concello. As principais medidas que se deberían ter en conta son as que teñen unha incidencia directa na mellora da calidade de vida das persoas: Crear postos de traballo, fixar poboación, e incrementar o benestar social deben ser obxectivos nos que traballar de forma conxunta.

Para Móvete, é importante facer unha aposta firme e decidida polos sectores produtivos locais, para crear no rural un tecido produtivo sostible que proporcione emprego de calidade como mellor garante dun concello próspero e sostible. Para o cal compre potenciar o rural estradense: revitalizar o sector agro gandeiro. Elaborar un plan de desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica. Fomentar os mercados locais mostrándolle ao consumidor os beneficios de asentar poboación no medio rural, e do consumo dunha produción de moita maior calidade, máis san e respectuosa co medio.

Apostar por un turismo verde, elaborar un plan de conservación e mantemento do patrimonio cultural e natural do Concello, que permita que o estado dos bens culturais e patrimoniais sexa óptimo dun modo continuado e cun custo estable.

É urxente satisfacer a crecente demanda de servizos sociais orientados as persoas maiores que cada vez ocupan un espazo maior na pirámide poboacional, xa que garantizar a igualdade e a integración social de toda a veciñanza é unha obriga

Comentarios

Deixar un comentario