Chegados a este punto, os catro partidos con representación nos plenos do Concello xa tiveron dez oportunidades para escribir un artigo de opinión dirixido á cidadanía en xeral. É dicir, levamos 40 semanas ‘politicando’.
Por iso, imos lembrar os artigos que máis interese xeraron entre a cidadanía. Para manter a igualdade que caracteriza a este espazo, farémolo cos dous artigos máis lidos de cada partido.
PP
As estreas do PP interesan moito á cidadanía. Ou iso é o que podemos deducir das audiencias que rexistraron os seus artigos. Por unha banda, aquel As parroquias fan Europa que escribía Gonzalo Louzao para a estrea deste formato conseguía 338 visitas. Pola outra, o primeiro artigo de Manuel Magariños, aquel A Estrada: presente e futuro dun proxecto de vida acadaba 332.
PSOE
No caso do PSOE, o artigo máis lido — tanto para o partido como para o Politicando — foi A vivenda na Estrada, de Román Suárez, con 374 visitas. Por detrás del quedou O circo do Goberno da Estrada, de Luis López Bueno, con 353 visitas.
BNG
O BNG tivo un artigo que destacou sobre os demais. O quinto artigo redactado por Xoán Reices, Non podemos facer nada, o carallo chegou ás 320 visitas. En segunda posición quedou o terceiro de Reices, Non todo van ser orquestras, con 200 visitas.
Móvete
Se houbo un partido que tivo un paso discreto por esta sección foi Móvete. Dos seus catro artigos publicados, Dereito a unha vivenda digna (91) e O rexeitamento de ALTRI é unha cuestión de dignidade e compromiso na defensa do territorio (71), ambos de Mar Blanco Casais, foron os máis destacados.
Tras este repaso, a vindeira semana volverán os artigos (a non ser que non o envíen). É dicir, desde a vindeira semana veremos que propoñen os diferentes políticos para captar a súa atención, sobre todo tendo en conta que cada vez as seguintes municipais están máis preto.



Deixar un comentario