A Estrada destinará outros 2 millóns de euros a asfaltados

A Estrada destinará outros 2 millóns de euros a asfaltados

O Concello da Estrada atópase inmerso na elaboración dun novo plan de asfaltados no rural, para o que se prevé destinar 2 millóns de euros. O venres o alcalde, Gonzalo Louzao, comezou unha rolda de visitas polas parroquias que continuou este mércores. Na primeira das xornadas centráronse no sur e, na deste mércores, no sueste do concello.

“Estamos vendo in situ as necesidades e problemas de acceso aos núcleos para incorporalas no orzamento e no proxecto de asfaltados rurais, doutros dous millóns de euros”, explicou. Manifestou que “é unha prioridade deste goberno” a mellora das diferentes vías coas que contan os máis de 400 núcleos de poboación do concello.

Para iso, comentou, empregaránse fondos da Xunta, da Deputación de Pontevedra e do propio Concello, coa previsión de que os traballos comecen no verán. Con eles buscaráse mellorar “pistas cuxa situación esixe unha intervención prioritaria”.

Aínda así, antes terán que executarse os asfaltados relacionados co último plan de 2025, que é o que conta cun financiamento de 800.000 euros procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Deseñado en 2025, beneficiaránse del 23 parroquias. A mesa de contratación celebraráse este mesmo xoves, polo que as obras poderían comezar neste primeiro trimestre do ano.

Estes súmanse aos realizados no último ano, entre os que se atopan os executados con fondos do Plan Camiña Rural da Xunta de Galicia (Ribela e Codeseda) ou aos que se destinaron outros 2 millóns de euros e que chegaron á meirande parte das parroquias.

Imaxe de portada: Gonzalo Louzao durante a visita aos asfaltados feitos co Plan Camiña Rural, en decembro de 2025 // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario