O MOME acollerá o vindeiro xoves 22 a presentación do libro De nais a fillas. Receitas para non esquecer, da Editorial Hércules. Esta obra reivindica o papel das mulleres como transmisoras do saber culinario de xeración en xeración.
O acto comezará ás 19.30 horas e contará coa intervención de Maricarmen Rodríguez, cociñeira estradense que foi responsable do restaurante Nixon e que foi unha das autoras deste libro. Rodríguez representa a tradición gastronómica local e a cociña feita desde a familia, o produto e a memoria. No libro, comparte a súa traxectoria vital e profesional, así como algunha das súas receitas máis coñecidas.
Tamén estarán presentes a coordinadora da publicación, Ana Cancela, a editora da obra, Laura Rodríguez Herrera, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Asemade, Manoele de Felisa porá a nota musical á presentación.
Sobre o libro
De nais a fillas é unha obra coral que reúne dez cociñeiras galegas e que vai máis alá dun receitario: é un relato de vidas, de fogares e de restaurantes que explican parte da nosa historia recente desde os fogóns. A presentación na Estrada supón tamén un recoñecemento á achega das mulleres do municipio á conservación do patrimonio gastronómico galego.
Imaxe de portada: as protagonistas do libro // cedida

Deixar un comentario