O mércores pecharase ao tráfico a Farola

O mércores pecharase ao tráfico a Farola

O Concello fará cambios na circulación para evitar os mínimos prexuízos posibles

As obras de peonalización da Farola chegaron á fase máis destacada. Tras retirarse de forma temporal o farol que dá nome a este espazo (aínda que só sexa de forma popular), o vindeiro mércores 21 pecharáse ao tráfico para a súa reforma.

Co peche previsto para esa xornada de feira, fresarase o asfalto da rotonda e botarase unha capa de formigón de limpeza.

En canto ao tráfico, mentras dure o peche, a Rúa Irmáns Valladares cambiará o seu sentido habitual para permitir ir desde Pérez Viondi á Avenida de América. Segundo as previsións que manexa o ente municipal, a reapertura producirase antes do Entroido, para así poder celebrar os desfiles e concursos previstos con total normalidade.

No tocante ao transporte de viaxeiros, a parada de bus manterase a carón do Concello, a onde se trasladou co peche das rúas 56 e San Paio. Os taxis trasladaranse á cabeceira da Rúa Pérez Viondi.

Cambios no tráfico // Xornal da Estrada

A farola volverá

A retirada da farola é temporal e realizouse por dous motivos: para evitar que se dane como consecuencia dalgún golpe fortuíto durante as obras e para restaurala, pois o fuste atopábase desgastado como consecuencia do paso do tempo.

Segundo vaian avanzando as obras o farol instalarase na súa ubicación definitiva, que foi a elixida no referendo de novembro de 2024. Esta é lixeiramente desprazada respecto da que estaba ata o de agora, a carón da zona que quedará destinada á circulación.

Imaxe de portada: Retirada da farola // cedida

Comentarios

Deixar un comentario