O Panic presentou a programación da súa 13ª edición
Este venres o Concello da Estrada acolleu a presentación do festival de cine de terror Panic, que comezará o venres 23 de xaneiro e alongaráse ata o sábado 7 de febreiro.
Comezando polo gran atractivo desta cita co terror, Pedro Pérez, o encargado de facer a selección de filmes, presentou as películas escollidas. “Creo que eliximos do mellor que houbo en todo o 2025. Tanto Togheter, Until Down, El vengador tóxico ou Devuélvemela son, sen ningunha dúbida, catro das mellores en todas as listas”, asegurou. Engadiu que “posiblemente a mellor sexa Sinniers, que vai ir aos Óscar. Non a puxemos porque seguramente moita xente xa a viu”.
Avanzou que na maratón de cine de terror do venres 23 proxectaránse os filmes Together, Until down, El vengador tóxico e The Sadness.
O venres 30 chegará unha das grandes novidades da edición. “Chainsaw man é un anime. Por primeira vez imos poñer un anime xaponés” que, ademais, tivo moito éxito. Agardan así atraer aos amantes dos mangas e dos animes, que contan cun gran número de adeptos entre a xuventude.
A última proxección será o venres 6 de febreiro, co filme Devuélvemela. Ademais, antes das películas do 30 e do 6 proxectaránse dúas curtas. O 6 de febreiro será Menú del día, que foi premiada en varios festivais, o último en Canadá, mentras que o 23 de xaneiro será Escarabana, rodado na Costa da Morte e con temática vampiresa. “Queriamos darlle visibilidade ás curtas, que son a porta de entrada ao cine”, afirmou Pérez.
Premio ao mellor pixama
“Na maratón de cine hai unha cousa que xa temos medio institucionalizada entre a xente nova, que é que veñan en pixama. E vendo o éxito que ten, este ano imos dar un premio para os mellores pixamas”, anunciou Pedro Pérez.
Asemade, comentou que o festival comeza a trascender a nivel internacional, pois nunha mesa redonda do Festival de Sitges – un dos máis importantes do cinema de terror – sobre formas de ver os filmes desa categoría “mencionouse a este festival como un festival único no sentido de xuntar a xente bastante nova, de feito moitos son menores, que pasan toda a noite vendo películas de terror, algunhas verdadeiramente tremendas, e son capaces de pasar toda a noite divertíndose, tomando café e vendo este tipo de pelis”.
As proxeccións, ás 22.30h
A proxección dos filmes comezará todos os días ás 22.30 horas, despois de que se tomara a decisión de adiantalas a esa hora o ano pasado e “foi un acerto”, segundo asegurou Luis Rivadulla, de Minicines Central.
Tamén destacou que “a xente o pasa moi ben, son unhas semanas que a xente agarda” e nas que se decora para a ocasión o cine. “Estamos moi contentos de que o Panic siga funcionando”, confirmou.
Programación cultural
Máis alá da programación cinematográfica, como cada ano o festival ten un apartado cultural, que o presentou a concelleira de Cultura, Lucía Seoane. Antes diso, agardou que o feito de que se celebre a edición número 13 “sexa un presaxio do éxito que vai ter”.
O primeiro dos eventos terá lugar o venres 23. O Teatro Principal acollerá unha charla co actor Darío Loureiro, que participou en filmes como Rapa e Animal. O Teatro Principal será onde se celebre a charla con terapeuta e médium Daniel Chumillas, “que vén desde Madrid para presentarnos Consciencia más allá de la muerte“.
Unha das grandes novidades da edición terá lugar o venres 6 de febreiro. Visionaráse La novia ensangrentada, un filme rodado no Pazo de Oca. Seoane confirmou que están negociando coa Fundación Casa Ducal de Medinaceli para poder facer o visionado alí, ademais dunha visita guiada. No caso de non conseguirse, o visionado terá lugar no Teleclub de Oca.
A programación péchase o sábado 7 de febreiro co espectáculo O cemiterio dos espíritos errantes, que se celebrará no Teatro Principal, que correrá a cargo de Luis Boyano, quen atopa a inspiración no espiritismo do século XIX, e Fran Campos. Todos estes eventos comezarán ás 20.00 horas e contarán con entrada libre ata completar aforos.
A programación presentarase o vindeiro martes nos diferentes institutos da Estrada.
Un cartel de película
Todo festival ten un cartel, e o Panic non ía ser menos. Correu a cargo de Ricardo Terceiro, quen atopou inspiración nunha película dos oitenta. En concreto, é unha homenaxe ao filme Noite de medo.
Un espazo con toda a programación do Panic para consultala cando queiras.
No Xornal da Estrada
Imaxe de portada: presentación do Panic 2026 // Concello da Estrada

Deixar un comentario