O Ano Cultural 2026 permitirá poñer o foco en Virxinia Pereira, a estradense que xogou un papel decisivo para manter vivo o legado artístico e ideolóxico de Castelao.
Gonzalo Louzao · PP
O ano 2025 despediuse deixando pegada na Estrada. Entre outras moitas marcas no seu camiño, lembrarase pola recuperación do Ano Cultural nun municipio que foi berce de moitos e grandes persoeiros. Deixa, ademais, unha débeda saldada: poñer rostro a Avelina Valladares Núñez.
O últimos 12 meses axudaron a colocar un potente feixe de luz sobre esta autora do Rexurdimento das nosas letras, unha muller que se revelou moi avanzada ao seu tempo, pero que sempre pareceu vivir baixo a sombra que proxectaba seu irmán Marcial. Para o lexicógrafo que a historia recorda como o autor do Diccionario gallego-castellano de 1884 e da primeira novela moderna en lingua galega foi a sona; para ela, un eterno papel secundario que era de xustiza cambiar xa polo de protagonista.
Para repoñer o agravio de douscentos anos, coincidindo co bicentenario do nacemento da poeta de Berres, o Concello da Estrada debullou ao longo de 2025 un variado programa de actos. Non podemos afirmar con certeza como era fisicamente esta veciña de Berres pero, grazas a este Ano Cultural, hoxe sabemos moito máis sobre ela. É preciso aproveitar este coñecemento para compartilo e espallalo, co propósito de que Avelina Valladares Núñez teña un espazo de seu nas letras galegas.
Pero non apagamos a luz. Neste 2026 que vimos de estrear o foco porase sobre outra muller: a estradense Virxinia Pereira Renda.
É posible que moitos galegos non saiban como se chamaba a muller de Castelao, pero os estradenses debemos sabelo e compartilo para que ninguén o esqueza. Porque Virxinia Pereira non foi só a dona de Castelao; non foi só a súa abnegada compañeira. Sen ela, o legado artístico de Castelao non estaría hoxe a disposición do pobo galego. Virxinia pelexou, “como unha leoa” (segundo a súas propias palabras) para cumprir a última vontade do seu home: que a súa obra ficase no Museo de Pontevedra.
É certo que Virxinia Pereira non ten obra de seu, pero estamos convencidos de que ten un inmenso valor. O Ano Cultural 2026 do Concello da Estrada encargarase, non só de recoñecelo, senón de facer que se difunda.
Son moitas as ocasións nas que escoitamos que detrás de todo gran home hai unha gran muller. Aínda sendo certo, neste caso non temos que pensar que a grandeza de Virxinia estivese detrás da de Castelao, porque estaba ao seu carón. Ela estaba á par. Ela é compañeira de vida e de loita. Virxinia está con Daniel SEMPRE, dando azos, compartindo alegrías e tamén moitas penas.
O departamento de Cultura deseñou unha programación específica para este Ano Cultural Virxinia Pereira. Son actos diversos, cargados de coñecemento sobre esta figura e de emotividade sobre o que ela, e tamén o universo Castelao, representan para A Estrada. Actividades que deixarán, estou seguro, fonda pegada, mesmo en espazos destacados das nosas rúas.
A diferenza de Avelina, os retratos permítennos saber como era Virxinia. É tempo agora de saber quen foi. Que este potente feixe de luz centrado nela nos permita descubrila.



Deixar un comentario