Aínda que estaba previsto que fose este mércores, finalmente a Farola quedou pechada ao tráfico este martes, como consecuencia do avance das obras. O peche, que se produciu a primeira hora da mañá, está previsto que se prolongue ata antes do Entroido, momento no que se reabrirá para a celebración dos tradicionais desfiles.
Tal e como comentou o xefe da Policía Local, Javier García, en Radio Estrada, agora o tráfico de Pérez Viondi desvíase por Irmáns Valladares, que cambiou o seu sentido de circulación habitual, atopándose este cambio xa sinalizado.
Cómpre lembrar que a semana pasada retirouse o farol que dá nome de forma popular a esta praza, coñecida de forma oficial como Praza de Galicia. Iso foi algo temporal, para evitar que sufra algún dano durante as obras e, á vez, restaurala para, despois, colocala na súa ubicación definitiva, que foi a que se elixiu no referendo de novembro de 2024.

Imaxe de portada: a Farola, este sábado // Xornal da Estrada

Deixar un comentario