Sopesan instalar cámaras no matadoiro para evitar vertidos

Sopesan instalar cámaras no matadoiro para evitar vertidos

Vaise poñer a disposición un modelo de declaración xurada para poder depositar residuos domésticos con vehículos de empresa

As brigadas do Concello veñen de realizar labores de limpeza da contorna do punto limpo e do antigo matadoiro comarcal, sitos en Penerada (Ouzande). Esa zona é escenario de continuos vertidos de lixo, unha acción que o Concello sopesa atallar coa instalación de cámaras de vixilancia.

Segundo confirmou o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, xa se iniciou a tramitación para a instalación de cámaras dende o acceso a esta estrada municipal en Penerada ata chegar ao Punto Limpo. “Queremos dar un paso máis e protexer este entorno. Sabemos que é non é algo tan sinxelo como instalar cámaras no interior do recinto, pero é importante evitar que este tipo de vertidos continúen producíndose”, sinalou Durán.

Engadiu que o que si que será doado e áxil será colocalas no espazo correspondente ao matadoito, pois son instalacións de titularidade municipal.

Esta medida aválaa no efecto que, comenta, tiveron estes dispositivos no recinto do punto limpo, onde se terían reducido os roubos e entradas que se ían producindo. Ao completarse a instalación de cámaras na contorna do recinto, de darse o caso, poderían ser empregadas para sancionar a aqueles que vertan o lixo nesa zona.

Declaración xurada para levar residuos en vehículos de empresa

Ata o momento, os vehículos rotulados tiñan prohibido o acceso ás instalacións por estar destinada a residuos domésticos. Agora, o Concello da Estrada e a firma encargada do punto limpo acordaron poñer a disposición un modelo de declaración xurada para poder depositar os residuos de procedencia doméstica cando se requiren os servizos dalgún vehículo de empresa.

Cómpre lembrar que existen máximos para os residuos que cada estradense pode depositar. No caso de papel, cartón, vidro, cristais varios, aceites vexetais, baterías, pilas, ferralla (restos metálicos) e residuos de bolsa amarela son ilimitados. En canto aos aceites de motor, o máximo establécese en 10 litros e, nos aerosois, en 10 unidades.

En canto aos electrodomésticos, admítese unha unidade de cada dos electrodomésticos con CFC e, para os demais, dúas unidades por tipo. O tope nas madeiras é de 60 quilos; nas pinturas, vernices ou disolventes, un quilo; nos colcóns, dúas unidades; nas lámpadas ou fluorescentes, un máximo de tres; nos plásticos domésticos, 25 quilos; nos plásticos de invernadoiros, 100 quilos; nos téxtiles domésticos, 25 quilos; e nos restos de podas, un metro cúbico.

Asemade, os residuos teñen que depositarse previamente separados, para así ser depositados nos contedores específicos. Do mesmo xeito, as entregas serán anotadas pola persoa encargada no libro interno de rexistro, facendo constar a súa identificación completa e a natureza dos residuos.

O punto limpo abre os xoves, venres e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Imaxe de portada: limpeza no matadoiro // Concello da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario