MINUTO A MINUTO | As incidencias continúan no momento máis grave do temporal

MINUTO A MINUTO | As incidencias continúan no momento máis grave do temporal

Todo o interior de Pontevedra atópase en aviso vermello por acumulados de 120mm en 12 horas, podendo chegar aos 150 en 24. A iso súmanselle outros avisos amarelos, por chuvia nunha hora (15mm) e vento (80km/h).

O Concello de Cuntis alerta dunha situación crítica por mor das enchentes que impide garantir o bo estado das vías. Ademais, estanse a desaloxar vivendas.

Teléfonos de emerxencia

112

986 57 33 33 (Emerxencias A Estrada)

Envíanos as túas fotos e vídeos do temporal

A través das nosas redes sociais ou do correo xornaldaestrada@gmail.com

23.38h // Neste momento rematamos a cobertura en directo da última hora da borrasca Joseph que comezamos ás 8.00 horas. O temporal vai ir remitindo nas vindieras horas. Aínda así, eviten os desprazamentos innecesarios e, se teñen que desprazarse, fágano coa máxima cautela posible, pois moitas das consecuencias do temporal non se descubrirán ata comezado o día.

23.30h // VARIAS PISTAS PECHADAS EN CERDEDO-COTOBADE

O alcalde de Cerdedo-Cotobade informou de que a pista da Cadavosa a Caroi e as da Ponte e a que vai á Senra desde Borela están pechadas por razóns de seguridade.

Pediu que se eviten desprazamentos innecesarios polas zonas afectadas e que se sigan as indicacións dos servizos de emerxencia e de Protección civil.

23.02h // INCIDENCIAS ELÉCTRICAS

Segundo o mapa de incidencias de Naturgy, na zona de Valiñas (Forcarei) hai unha dobre incidencia. Ademais, na Estrada teríase producido outra en Barbude.

22.56h // INCIDENCIAS ACTIVAS

Segundo o mapa da DXT agora mesmo hai dúas incidencias nas estradas da Estrada. Unha é na N-640, á altura de Martínez Otero. Comezou ás 20.56 horas. A outra é na EP-7012, en Ribela. Leva activa dende as 22.30 horas.

22.22h // O CONCELLO DE CUNTIS PIDE PRECAUCIÓN PARA AS ÚLTIMAS HORAS DO TEMPORAL

Dado que o aviso vermello por chuvia acumulada en 12 horas vaise ir rebaixando paulatinamente a partirr das 3.00 horas deste martes, quedando todos os avisos desactivados a partir do mediodía, o Concello de Cuntis pediu prudencia para as seguintes horas.

Pediron que se eviten os desprazamentos innecesarios, que se manteña a precaución e se eviten as zonas próximas a ríos e correntes de auga, que se revisen as medidas de seguridade nas vivendas e que ante calquera emerxencia se chame de forma inmediata ao 112.

22.12h // RESCATAN UN HOME EN PORTAS

Un home tivo que ser rescatado do seu vehículo tras verse sorprendido pola auga cando atravesaba un camiño. Foi no lugar de Briallos, á altura do albergue, no concello de Portas.

O 112 recibiu constancia deste suceso ás 20.20 horas tras ser informado por Protección Civil de Cuntis.

22.08h // A ESTRADA FOI O TERCEIRO CONCELLO CON MÁIS INCIDENCIAS NA PROVINCIA

Ata ás 18.00 horas deste luns o 112 rexistrou 388 incidencias por mor do mal tempo. Por concellos, as principais cifras déronse en Vigo (31 incidencias), Pontevedra (14), A Estrada (9) e Santiago de Compostela (21).

21.14h // QUE AVISOS ESTARÁN ACTIVOS MAÑÁ?

Este martes a zona estará en aviso por chuvia ata ás 12.00 horas, pero non porque vaia a chiver moito, senón polo que está chovendo nestas últimas horas do día. Deste xeito, ás 3.00 o aviso vermello por acumulados en 12 horas pasará a laranxa (80mm) e ás 6.00 horas a amarelo (40mm). Finalmente, desactivarase ás 12.00 horas.

En canto ao vento, o aviso amarelo vaise desactivar ás 6.00 horas.

20.59h // VARIAS ZONAS DO CONCELLO ESTÁN ÁS ESCURAS

Naturgy localiza unha incidencia ás 20.14 horas na zona de Barbude.

20.07h // AUMENTO DO NIVEL NO ULLA

En cuestión de dez horas o río Ulla ao seu paso por Teo aumentou o seu nivel un metro. Atópase case nos cinco metros. En canto ao caudal, pasou dos 160m3/s ás 8.20 horas aos 287,7 ás 18.20.

20.03h // O NIVEL DO GALLO BAIXA AOS POUCOS

Ás 15.50 horas chegou aos dous metros de alto, pero en dúas horas e media só baixou 10 centímetros.

19.33h // FORCAREI XA SUPEROU OS 100MM

A estación de MeteoGalicia xa recolleu 115,6mm. No Monte Xesteiras acumuláronse 97,8mm e na Estrada, 95,6.

19.13h // CONSELLOS ANTE ANEGAMENTOS

Lembramos algúns dos consellos que ofrece Emerxencias A Estrada para casos de anegamentos:

  • Manterse informado da predición meteorolóxica
  • Se se asolaga a vivenda, saír de sotos e plantas baixas, desconectar a electricidade e empregar unha lanterna, se é posible.
  • Preferiblemente empregar autovías e autopistas.
  • Afastarse de ríos, regatos e zonas baixas. Dirixirse a zonas elevadas.
  • Evitar cruzar zonas anegadas, tanto a pé como en coche.
  • Abandonar o vehículo se se atasca, o nivel da auga comeza a subir ou o nivel da auga supera os eixos das rodas ou chega á altura dos xeonllos.
  • Se a auga impide abrir a porta, saír polas ventás.
  • Informarse de se a zona na que vives ou traballas é unha zona de risco.
  • Coñecer vías e lugares de evacuación e puntos de reunión.
  • Se se observan acumulacións de restos ou obstáculos nos leitos, avisar á autoridade competente.
  • Localizar os puntos máis altos para dirixirse a eles en caso de riada.

18.10h // ÚLTIMA HORA: CUNTIS PIDE A DECLARACIÓN DO NIVEL 2 DE EMERXENCIA

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, solicitou á Xunta de Galicia a declaración do nivel 2 de emerxencia polos anegamentos que está a vivir o concello. En declaracións a Radio Nacional falou de “afeccións en moitas vías” que “están completamente inundadas”.

“Non somos capaces de supervisar toda a rede municipal”, informou e avanzou que “non podemos garantir o transporte escolar”.

Cómpre lembrar que pediu hai unhas horas á cidadanía que eviten os desprazamentos que non sexan estrictamente necesarios. Nesa mesma mensaxe aos veciños asegurou que o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil “non poden asegurar o bo estado das vías nin garantir a seguridade na circulación”. Por iso pediu que se eviten desprazamentos innecesarios, non achegarse ás zonas de río, pontes ou paseos, pois “a situación é de risco extremo e moi cambiante”, e non pór a vida en perigo nin a dos servizos de emerxencia expoñéndose a situacións de risco innecesarias.

18.03h // ACTIVADO UN AVISO POR VENTO

Nestes momentos a AEMET acaba de activar un aviso amarelo por refachos de vento de 80km/h e que se prolongará ata as 6.00 horas. Súmase así ao aviso vermello por chuvia en 12 horas (120mm) e ao amarelo por chuvia nunha hora (15mm).

17.53h // AS IMAXES DAS ENCHENTES EN CUNTIS

17.20h // FORCAREI XA ROZA OS 100MM ACUMULADOS

Con datos de precipitación ata as 16.00 horas, Forcarei xa acumulou no que vai de día 97,5mm. Ségueo Cuntis o Monte Xesteiras con 85,8mm. Na Estrada, con datos ata as 14.00 horas, xa se acumularon 67,8mm.

16.49h // BALSAS DE AUGA EN LIRIPIO

Balsa de auga en Liripio

Veciños da parroquia de Liripio informan a este medio de que existen importantes balsas de auga nos accesos á parroquia, especialmente á altura nun dos accesos ao Mirador de Outeiro Grande, onde se atopa o denomindado Banco da Boa Sorte.

Escorrentía nunha parcela en Liripio

16.46h // O GALLO DUPLICOU O SEU NIVEL EN SEIS HORAS E CHEGOU AOS 2 METROS DE ALTO

Ás 6.30 horas o nivel do gallo era de 0,9 metros de alto, mentras que ás 13.00 horas xa se situaba nos 1,8 metros. O último dato dispoñible é o das 15.40 horas, no que xa se atopaba nos 2 metros de alto.

16.24h // ÚLTIMA HORA: O CONCELLO DE CUNTIS FALA DUNHA “ALERTA TOTALMENTE VERMELLA”

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, nunha mensaxe á cidadanía falou dunha “situación de alerta totalmente vermella” pola crecida dos ríos no concello.

Asegurou que o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil “non poden asegurar o bo estado das vías nin garantir a seguridade na circulación”. Por iso pediu que se eviten desprazamentos innecesarios, non achegarse ás zonas de río, pontes ou paseos, pois “a situación é de risco extremo e moi cambiante”, e non pór a vida en perigo nin a dos servizos de emerxencia expoñéndose a situacións de risco innecesarias.

“A situación é crítica e necesitamos a colaboración de toda a veciñanza para evitar desgrazas”, concluíu.

15.25h // GALICIA REXISTRA 70 INCIDENCIAS POR MOR DO TEMPORAL

Segundo os datos do 112, ata ás 13.00 horas deste luns contabilizáronse 70 incidencias motivadas polo temporal. A maioría foron anegamentos.

En Vedra ás 9.30 horas envorcou un camión na AP-53 en sentido Ourense. O condutor necesitou axuda para saír e, despois, foi atentido polo 061.

15.10h // O GALLO VAI NO LÍMITE DA SÚA CAPACIDADE

Nestes momentos o río Gallo en Cuntis vai no límite da súa capacidade. Ás 14.00 horas o seu nivel atopábase case nos 2 metros de altura.

Entre as 12.10 e as 12.20 horas aumentou o seu caudal 20m³/s.

14.05h // VARIAS TENDAS ANUNCIARON QUE ESTA TARDE ESTARÁN PECHADAS

Debido ao aviso vermello por chuvia, que nestes momentos xa inclúe outro amarelo por acumulacións nunha hora.

Cómpre lembrar que se está pedindo evitar os desprazamentos innecesarios, pois prevese unha situación que leva 10 anos sen ocorrer.

13.26h // BALSAS DE AUGA NO CAMIÑO DA CALDESIÑA

Unha usuaria denunciou por redes sociais a existencia dunha importante poza no Camiño da Caldesiña, que une a Zona dos Viños coa Rúa Antón Losada Diéguez. Alí, denuncia a usuaria, a auga chega á altura dos nocellos. Situacións semellantes daríanse sempre que se produce un temporal.

13.22h // ESTE É O PRIMEIRO AVISO VERMELLO EN 10 ANOS

O temporal que estamos a vivir é excepcional en canto a acumulados. A última vez que se activou un aviso vermello no interior de Pontevedra foi en outubro de 2016.

13.18h // O PEOR DO TEMPORAL ATÓPASE EN CALVOS, CUNTIS

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, informou no Actualidade Mediodía de Radio Estrada de que a situación é “complicada” no concello, “non tanto no casco urbano, senón no rural, especialmente no lugar de Calvos”. Alí procedeuse a desaloxar a parte baixa dunha vivenda.

Isto débese a que o regato que pasa polo lugar e que é un afluente do Gallo aumentou a súa altura un metro en menos dunha hora.

“As previsións xa eran malas e seguen sendo malas”, advertiu Campos Velay. Informou de que “o Concello ten todos os medios do Servizo Municipal de Augas e de Emerxencias destinados ao temporal”. Contan con 10 bombas de achique e contan con maquinaria pesada para as actuacións que sexan necesarias.

12.41h // A BIBLIOTECA DA ESTRADA NON ABRIRÁ POLA TARDE

Por mor do aviso vermello por chuvia.

12.35h // O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN PIDE PRUDENCIA

Luis López pediu precaución para esta xornada. Polo momento non constan incidencias en viais provinciais.

12.31h // ÚLTIMA HORA: DESALOXAN UNHA VIVENDA EN CUNTIS

Informa Radio Estrada de que se tivo que desaloxar unha vivenda por mor da crecida do regato de Calvos, no concello de Cuntis.

12.18h // ACTIVADO O AVISO AMARELO POR CHUVIA NUNHA HORA

Dende agora ata medianoite poderían producirse acumulados de 15mm nunha hora. Este aviso súmase ao vermello por acumulados de 120mm en 12 horas activo dende as 8.00 horas.

12.14h // AUMENTOUSE O PERSOAL DE EMERXENCIAS

Gonzalo Louzao acaba de informar da reunión que mantivo con Emerxencias a primeira hora da mañá. Pediu colaboración á cidadanía para que haxa os mínimos desprazamentos imprescindibles.

  • Duplicouse o persoal de Emerxencias.
  • O servizo de Policía Local aumentouse a sete efectivos
  • Alugouse bombas de achique para achicar auga en baixos e rúas.
  • En caso de calquera emerxencia, chamar ao 112 ou a Emerxencias A Estrada
  • Polo momento non se produciron emerxencias significativas.

12.06h // ÚLTIMA HORA: ANEGAMENTOS EN CALVOS, CUNTIS

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, acaba de confirmar en Radio Nacional que se están producindo anegamentos no lugar de Calvos como consecuencia do desborde dun afluente do río Gallo. “En media hora subiu un metro”, asegurou.

O caudal do río Gallo ao seu paso por Cuntis. Ás 6.00 horas atopábase a unha altura de 0,9 metros, mentras que ás 10.50 horas xa estaba nos 1,5 metros. En canto ao caudal, pasou dos 3,8m3/s ás 6.00 horas aos 20,5m3/s ás 10.50 horas.

Cómpre lembrar que está activo o Plan Especial ante o risco de inundacións neste concello.

11.53h // CONSELLOS ANTE CASOS DE CHUVIAS INTENSAS

Emerxencias A Estrada compartiu unha serie de consellos ante situacións, coma as de hoxe, nas que se produzan chuvias intensas.

  • Piden manterse informado das predicións meteorolóxicas.
  • Ter localizadas zonas altas por se fose necesario dirixirse a elas.
  • Se se pode, evitar desprazamentos innecesarios.
  • No coche, adaptar a velocidade e distancia de seguridade ás condicións meteorolóxicas e da estrada. Pode haber balsas de auga.
  • Afastarse de ríos, torrentes e zonas baixas de ladeiras, pode producirse unha crecida repentina.
  • Non atravesar, nin a pé nin en coche, zonas anegadas. Poden arrastrarte.
  • Preferiblemente, empregar autovías ou autopistas.
  • Non esquecerse do paraugas.
  • Nas vivendas, retirar obxectos do exterior que poidan ser arrastrados, colocar os documentos importantes e os produtos perigosos na parte alta da casa, comprobar o estado do tellado, canalizacións e desaugadoiros para que drenen ben e non aparcar en leitos secos nin na beira de ríos.

11.45h // ASÍ CHOVEU NAS PRIMEIRAS 10 HORAS DO DÍA

11.21h // PREVENSE ACUMULADOS SUPERIORES AOS 120MM EN TODO O DÍA

MeteoGalicia prevé que na comarca de Tabeirós-Terra de Montes se cheguen a superar os 120mm en toda a xornada.

11.15h // AS CHUVIAS INTENSAS ESTÁNSE DEIXANDO NOTAR

A comarca estase vendo atravesada por unha importante liña de precipitacións, tal e como amosan as imaxes do radar.

Imaxe do radar ás 11.05 horas // MeteoGalicia

11.10h // ESTE LUNS NON HAI ESPAZO CONCILIA NA ESTRADA

Polo aviso vermello por chuvia.

10.55h // REUNIÓN EN EMERXENCIAS A ESTRADA

Esta mañá mantívose na base de Emerxencias unha reunión para analizar o dispositivo de prevención e seguridade por mor da alerta vermella por chuvias. Participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o xefe da Policía Local, o xefe de Obras e o persoal de garda de Emerxencias A Estrada.

Dende Emerxencias piden que a cidadanía se manteña informada, que se eviten os desprazamentos innecesarios, que se adapte a velocidade ás condicións meteorolóxicas e que, en caso dunha emerxencia, se chame ao 112.

10.28h // ASÍ SERÁN AS SEGUINTES HORAS

9.55h // RUEDA PIDE EVITAR OS DESPRAZAMENTOS INNECESARIOS

Na tarde deste domingo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, achegouse ata o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112) de Galicia, sito na Estrada, para coñecer o dispositivo preparado para este luns. Anunciou que se reforzou o persoal para atender ás emerxencias e solicitou que se eviten os desprazamentos innecesarios.

9.41h // ESTA NOITE ACTIVOUSE O PLAN ESPECIAL ANTE O RISCO DE INUNDACIÓNS EN CUNTIS

Ás 22.00 horas do domingo activouse en Cuntis o Plan Especial ante o risco de inundacións debido a que o caudal do Río Gallo aumentou considerablemente. Por iso, dende o Concello de Cuntis solicitan que se eviten as zonas que poden ser susceptibles de inundacións, como as situadas nas rúas Bernardo Sagasta e da Presiña, ademais da Circunvalación Don Aurelio, á altura do Restaurante Don Manuel.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, indicou que se poden producir subas repentinas do caudal do río e desbordamentos e inundacións puntuais de terreos, espazos urbanos e propiedades. Por iso, solicitou que se eviten as actividades que se realicen en espazos fluviais, retirar os vehículos da marxe dos ríos, evitar atravesar pontes ou torrentes de auga e, no caso de verse atrapado pola auga, subir á parte alta do vehículo.

8.57h // MÁIS DE 5MM POR HORA EN FORCAREI

Segundo a previsión por horas da AEMET, en Forcarei a cada hora precipitarán, cando menos, 5mm por hora. Unha situación que se manterá ata a medianoite. O peor sería ás 22.00 horas, con 15mm nunha hora.

Na Estrada, as previsións indican que durante bastantes horas superaránse os 5mm nunha hora, con picos de 7.

En Cuntis os acumulados non serán tan significativos, aínda que se superarán os 5mm en varias horas. Iso si, os ríos levarán toda a auga caída nas zonas de montaña.

8.40h // ONTE ENVIOUSE UN ES-ALERT PREVENTIVO

Máis dun levou este domingo un susto despois de que se enviara un ES-ALERT de forma preventiva. É a primeira vez que se envía un nesta zona.

ES-ALERT enviado aos concellos do interior de Pontevedra // Xornal da Estrada

8.31h // SEGUNDO DÍA SEN CLASE

Este luns tamén están suspendidas as clases, tal e como acontecera o pasado venres. Por iso, todos os centros educativos atópanse pechados e o transporte escolar non saíu.

8.00h // Dende este momento os 16 concellos que forman o Interior de Pontevedra atópanse en aviso vermello polas intensas precipitacións. Ata o momento déixanos algúns titulares que repasamos a seguir:

  • Suspendéronse as clases e o transporte escolar, así como as actividades deportivas federadas e Xogade.
  • A Escola Infantil Municipal e o servizo Espazo Concilia do Concello da Estrada permanecerán pechados.
  • O Concello da Estrada duplicou o persoal no servizo de Emerxencias entre as 8.00 e as 24.00 horas deste luns.
  • En Cuntis activouse o Plan Especial ante o risco de inundacións polo aumento do caudal do río Gallo ao seu paso pola localidade. Piden extremar as precaucións nas rúas Bernardo Sagasta e da Presiña e na Circunvalación Don Aurelio, á altura do Restaurante Don Manuel.
  • Forcarei suspendeu as actividades de memoria e Pilates.
  • Ás 19.34 horas do domingo enviouse un ES-ALERT preventivo para alertar da situación.
  • O peor do temporal está previsto para a tarde – noite.

Comentarios

Deixar un comentario