Codeseda foi, con diferencia, a parroquia que máis residentes gañou.
Liripio sumou habitantes por primeira vez no que vai de século.
Esta semana o INE fixo públicos os datos de residentes en cada lugar e parroquia da Estrada a 1 de xaneiro de 2025. Os datos amosan un descenso da poboación no total do concello da Estrada (38 residentes, para ser exactos, situándose o total en 20.101), ademais de en 24 das 51 parroquias. 23 parroquias aumentaron a súa poboación.
Berres superou a Guimarei como a parroquia máis poboada ao ascender ata os 392 empadroados (+7 respecto a 2024). Guimarei descendeu á segunda posición ao perder tres residentes e colocarse con 386. Mentras Callobre en 2024 compartía a prata con Berres, en 2025 perdeu 5 habitantes, colocándose nos 380 e en terceira posición.
Na parte baixa da táboa, Sabucedo (34) e Liripio (42) conservan as súas posicións como as parroquias menos poboadas, aínda que con incrementos poboacionais dos que falaremos máis adiante. Santa Mariña de Barcala (83) mantense como a terceira menos poboada, aínda que moi preto de Baloira (87).
Variación de poboación
Entre todos os datos, hai unha parroquia que destaca polo seu incremento poboacional: Codeseda. Esta parroquia do sur gañou 23 habitantes, 13 máis ca Cereixo, que foi a segunda que máis aumentou. A terceira posición ocupouna Santa Cristina de Vea, con 9 residentes máis.
Pola outra banda, as parroquias que máis perderon son Ribeira (-13 habitantes), Arnois (-12) e San Xurxo de Vea (-11). Séguenas Aguións e Remesar, con 10 residentes menos. A parroquia da Estrada perdeu 6 residentes, aínda que o núcleo urbano gañou 13, chegando aos 8.480 empadroados.
Sen embargo, se nos centramos na variación porcentual, a situación varía. Sabucedo foi, sen lugar a dúbidas, a parroquia que máis poboación gañou respecto aos datos de 2024. Alí, o número de residentes aumentou un 13,33%. Séguena Liripio (+7,69%), Codeseda (+6,95%) e Cereixo (+6,54%).
Na outra cara da moeda, as parroquias que perderon máis poboación en termos porcentuais son Remesar (-7,81%), Ribeira (-4,68%), Aguións (-4,6%) e Parada (-4,58%).
Primeira vez que Liripio gaña poboación no que vai de século
Ata 2024, No que ía de século todas as parroquias, excepto unha, nalgún momento gañaron poboación. Esa parroquia era Liripio, que o 1 de xaneiro de 2025 rompeu a tendencia descendente que tiña ao gañar tres habitantes.
Nun artigo publicado en novembro analizando a evolución da poboación nas parroquias da Estrada, destacabamos que entre 2011 e 2014 varias parroquias estabilizaran a súa poboación, manténdose en cifras semellantes desde aquela. Coñecidos os datos de 2025, o que se aprecia é que Santa Mariña de Barcala, Guimarei, Sabucedo e Santeles manteñen esa tendencia estable, mentras que Callobre, San Miguel de Castro e Frades comezan a ter unha tendencia descendente e Lagartóns, unha ascendente.
En canto ás que estabilizaran a súa poboación a partir de 2018, Berres, Lamas, Loimil, Oca, Pardemarín, Riobó, A Somoza, Souto, San Xiao de Vea, Santo André de Vea e Vinseiro mantéñense estables, Paradela comeza unha tendencia descendente e Moreira, Parada, Ribeira, Ribela e San Xurxo de Vea atópanse nun punto no que é difícil saber se é o inicio dunha tendencia descente ou un pequeno descenso temporal.
Toedo e Baloira manteñen a estabilidade a longo prazo que os caracteriza e Cereixo, que estaba estabilizando as súas cifras poboacionais, foi unha das parroquias que aumentou o número de residentes de forma reseñable, polo que haberá que ver cal será a tendencia nos vindeiros anos.
Datos do IGE
Vistos os datos do INE a 1 de xaneiro de 2025, tamén é preciso mencionar os datos do IGE a 1 de xullo dese mesmo ano. Segundo o organismo autonómico, a cifra de poboación da Estrada nesa data reducíase a 20.019, un dato que deixa ao concello moi próximo á barreira dos 20.000 habitantes e da que, de baixala, implicaría un descenso no número de servizos que pode prestar o Concello.
Imaxe de portada: Liripio durante unha das recentes nevaradas, coa gráfica de variación de poboación interanual // Xornal da Estrada

Deixar un comentario