Os Rebumbio volven con novas categorías e coa chegada do voto do público

Os Rebumbio volven con novas categorías e coa chegada do voto do público

Os preparativos para a segunda edición dos Premios Rebumbio xa están en marcha. Este certame organizado pola axencia estradense Actual Comunicación volverá a poñer en valor a actividade comunicativa que se leva a cabo no municipio e na súa contorna na súa segunda edición, que terá lugar o xoves 16 de abril no MOME.

Nesta edición incorporarán oito categorías. Nunha delas, a de Estradense do ano, será o público quen escolla á persoa ou colectivo que destacase de xeito especial ao longo do ano pola súa actividade comunicativa dixital. Ademais, este ano a axencia Actual Comunicación fará entrega de xeito directo do galardón ao Momento Rebumbio do ano.

Nas seis categorías restantes, e do mesmo xeito que aconteceu na primeira edición, será un xurado conformado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbiot cultural e comunicativo o que elixa os finalistas e premiados.

Cómpre sinalar que, a excepción da categoría de entrega directa, vaise abrir un prazo para que organismos, marcas, asociacións, creadores de contido e outras entidades con actividade comunicativa dixital poidan autocandidatarse.

Dende Actual Comunicación mostraron a súa satisfacción de que este certamen demostre ser un evento tan vivo como o é a comunicación.

Na súa primeira edición premiouse á Banda da Loba polo seu uso do galego en redes sociais, a AEstradaDixital como mellor iniciativa local en redes sociais, a Pablo García pola súa difusión da vida estradense, a Argentinos Burguer como a mellor difusión do negocio local nas redes sociais e a Flavia A Horta da Casa polo uso do humor nas redes sociais. Do mesmo xeito, Actual Comunicación entregou o Premio Xove Promesa en Comunicación a Rubén Rosende.

Imaxe de portada: premiados na primeira edición // Actual Comunicación

Comentarios

Deixar un comentario