A propietaria dun aparcadoiro ilegal en Santiago deixa sinistro total o coche dun estradense

A propietaria dun aparcadoiro ilegal en Santiago deixa sinistro total o coche dun estradense

Un estradense denunciou perante a Garda Civil á propietaria do coñecido como aparcadoiro pantasma de Lavacolla (Santiago de Compostela) por estafa tras deixarlle o coche sinistro total.

Segundo informan medios como La Voz de Galicia e a Televisión de Galicia, os feitos aconteceron o pasado 23 de xaneiro, cando a muller se dirixía á terminal do aeroporto Rosalía de Castro, na capital galega, a recoller o cliente.

Nese intre unha saraibada provocou que a condutora perdese o control do vehículo, de tal xeito que tirou un farol e o coche quedou encaixado no valado da estrada. Tras iso, a condutora fuxiu da zona.

Zona na que se produciu o sinistro // Google Street View

Ao ser un aparcadoiro ilegal, nin declara os seus ingresos a Facenda nin ten un seguro de responsabilidade civil co que facerse cargo de incidentes coma este. Ademais, tras recibir varias chamadas do propietario para que se fixeran cargo, remataron bloqueándoo.

A parella propietaria deste negocio ilegal ten varias causas abertas, tanto por negocio ilícito como por ameazas a clientes, á competencia e a veciños, por apropiación indebida e por infraccións de tráfico, pois mentras os vehículos están baixo a súa custodia empréganos no seu día a día.

Algúns dos casos anteriores foron o dunha muller á que lle entregaron o coche completamente estragado, coa matrícula no parabrisas e cunha cervexa dentro do automóbil porque a ían bebendo ou o doutra persoa á que lle estacionaron o coche nunha praza propiedade da Xunta, acabando o propietario do vehículo nos tribunais acusado de usurpación, aínda que puido explicar o acontecido e non ser o responsable.

O certo é que a xente continua confiando neste servizo, aínda que a súa actividade viuse mermada pola presión da Garda Civil, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, porque son considerablemente máis baratos ca outros estacionamentos. Neste caso, custa 5 euros por día deixar o coche.

Imaxe de portada: cuartel da Garda Civil da Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario