Suspenden as actividades escolares no exterior por mor dun aviso laranxa por chuvia

Suspenden as actividades escolares no exterior por mor dun aviso laranxa por chuvia

Prevense acumulados de 80mm en 12 horas

O episodio de chuvias persistentes non cesa. Unha fronte moi activa cruzará este martes Galicia obrigando á activación de avisos por chuvia acumulada nunha e en 12 horas, chegando a laranxa neste último caso.

Dende o mediodía deste luns está activo un aviso amarelo por chuvia acumulada en 12 horas, con cantidades de 40mm nese periodo de tempo. Entre a medianoite e as 4.00 horas deste martes o acumulado previsto aumentará aos 60mm.

Entre as 4.00 e as 16.00 horas ese aviso pasará a ser laranxa, posto que os acumulados poden chegar aos 80mm. Entre as 16.00 e o remate do día voltará a ser amarelo, con acumulacións de 60mm en 12 horas.

Ademais, entre as 4.00 e as 16.00 horas tamén se activará outro aviso amarelo, neste caso por acumulacións de 15mm nunha hora.

Distribución horaria dos avisos // Xornal da Estrada

Por ese motivo a Comisión Escolar de Alerta acordou a suspensión das actividades escolares no exterior en todo o interior de Pontevedra. Asemade, tamén se suspendeu a actividade deportiva no exterior, tanto XOGADE como federada, entre as 4.00 e as 16.00 horas.

Novos avisos

Este episodio non suporá o final dos avisos meteorolóxicos. Para mércores a AEMET xa activou sendos avisos amarelos por chuvia e vento. Nas 12 horas comprendidas entre as 6.00 e as 18.00 horas poderanse acumular 40mm. Ademais, entre o mediodía e a medianoite poderanse rexistrar refachos de 70km/h.

Imaxe de portada: ballón na Estrada // Xornal da Estrada / Arquivo

Comentarios

Deixar un comentario