Unha avaría impediu que se recollese o plástico correctamente

Unha avaría impediu que se recollese o plástico correctamente

Durán asegura que na mesma zona da Avenida de Santiago había contedores baleiros

O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, ofreceu explicacións ante as queixas veciñais que este domingo recibimos os medios de comunicación local pola acumulación de residuos no colector amarelo na Avenida de Santiago.

“Coincidimos por completo en que a imaxe de bolsas de lixo fóra do contedor é insalubre, pero tamén entendemos que, antes de deixalas na rúa, o máis cívico é arroxalas en puntos de depósito existentes a poucos metros e que estaban practicamente baleiros”, asegurou o concelleiro antes de comentar que no último treito da rúa, o comprendido entre as rotondas de Figueiroa e do Invictus, incrementouse nun terzo a capacidade dos contedores.

Segundo informou Durán, pasouse dunha capacidade de 6.400 litros, repartida en oito contedores, a unha de 9.600. Do mesmo xeito, recoñeceu que se produciu unha avaría o xoves no camión de recollida, polo que o servizo non se puido efectuar correctamente.

Sinalou iso como causa de que o sábado algunha das unidades estivese chea, despois de que o xoves non se puidese baleirar por completo o contedor, “se ben nesta mesma zona había outras baleiras”. “O domingo ás 12 da mañá non quedaban bolsas sen recoller”, engadiu o concelleiro.

Asumindo que estas queixas “parecen máis queixas persoais que veciñais”, Durán entende que calquera cidadán pode comprender “que todo servizo é susceptible de que apareza algún problema puntual, sen que isto sexa o habitual”.

Aínda así, dende o Concello puxéronse en contacto coa empresa encargada da recollida destes contedores para buscar alternativas para completar o servizo no caso de que se produza unha avaría.

Imaxe de portada: contedores cheos na Avenida de Santiago // cedida

Comentarios

Deixar un comentario