O voceiro do PSOE estradense, Luis López Bueno, participou na última entrega do A Estrada a Debate, adicado á vivenda. Nela foi cuestionado por como facilitar o acceso á vivenda e por como reducir o número de vivendas baleiras.
“Para facilitar o acceso á vivenda nós cremos necesario que os prezos de compra se moderen”, comezou. Exemplificouno co que supón acceder a unha hipoteca de 140.000 euros para as persoas que contan cun salario bruto anual de 26.000 euros. Comentou que terían que ter, como mínimo, 45.000 euros aforrados.
“Ata que baixe o prezo da vivenda vai ser complicado facilitar o acceso”
Luis López Bueno, PSOE da Estrada
O socialista sinalou que “hai ferramentas que se poden usar dende o goberno municipal”, tales como os desenvolvementos urbanísticos que permitan ter “máis solo dispoñible para novas promocións inmobiliarias”, modernizar o PXOM para que se poidan construír máis edificacións no rural e dotar as parroquias de “mellores” servizos públicos, como poden ser a recollida de lixo, traídas de auga e servizos de saneamento.
Engadiu a necesidade de mellorar a cobertura de fibra óptica, “que quedou fóra dos fondos europeos”.
Vivenda baleira
“Para mobilizar as 3.962 vivendas baleiras — dato ofrecido polo INE en 2021 — o que hai que facer é facilitarlle aos veciños e veciñas a capacidade de reformar esas vivendas”. Iso faríase coas medidas propostas anteriormente e “con outras diferentes das que tomou este goberno municipal”.
Nelas non se atoparían o Plan de Mobilización de Vivenda “que pretendía mobilizar 300 vivendas e só mobilizou dúas” nin “28 vivendas de promoción autonómica que son ridículas”.
Para López Bueno a solución pasaría por “promocionar as parroquias” facendo que “sexan atractivas para que esas vivendas baleiras saian finalmente ao mercado inmobiliario” e por “facer pedagoxía”.
Imaxe de portada: Luis López Bueno // Xornal da Estrada

Deixar un comentario