En novembro anunciouse a intención de licitar o asfaltado integral “nos próximos meses”
“A veciñanza da Estrada non pode seguir agardando mentres o firme se desfai día a día”. Estas palabras do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, devolven á palestra un tema que sempre está presente e que é un creador de unanimidade no concello: o estado da N-640. Esta estrada de titularidade nacional ve como cada día que pasa o estado do asfalto deteriórase, especialmente coas sucesivas choivas das últimas semanas, mentras a prometida licitación do asfaltado integral aínda non chega.
“Chove sobre mollado. Podemos poñerlle un toque de humor, como fixeron outros partidos ao colocarlle ás fochancas as novas balizas que o Goberno fixo obrigatorias, pero gracia fai xa a xusta. Isto é un asunto moi serio e un problema de seguridade que non semella importarlle nin o máis mínimo”, asegurou Louzao facendo referencia á acción levada a cabo polo BNG. Aproveitou ese comentario para lembrar que os nacionalistas apoiaron a investidura de Pedro Sánchez levando como un dos compromisos a variante da N-640, da que aínda non trascenderon informacións.
Lembrou que, mentras “o pavimento está desfeito, cheo de socavóns, e cada día vai a peor”, cada día circulan por esta estrada unha gran cantidade de vehículos. Engadiu que levan tempo advertindo desta situación ao Ministerio de Transportes e coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A última vez foi en abril de 2025, cando se puxeron en contacto foi en abril de 2025 e, dende aquela, afirma, “non recibimos ningunha resposta”.
“O silencio sobre a N-640 é incomprensible e inaceptable”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
“Xa non valen parches nin arranxos improvisados”, dixo Louzao ao recordar os parcheos feitos en Callobre hai un ano e sinalando que esta mañá estivo unha brigada de mantemento na vila. “O mínimo que fai falta é unha
intervención seria e integral que garanta a seguridade e unha circulación digna”, reclamou. Iso mesmo, tal e como publicamos neste medio e recordaremos máis adiante, estaría nas previsións do Goberno Central.
O mandatario da Estrada mostrou ao Concello como “unha vítima máis deste abandono” antes de anunciar que se volverán a poñer en contacto tanto co Ministerio de Transportes coma coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra. “Claro que, fronte ao silencio amosado dende o Goberno Central, nós seguiremos falando alto e claro, tantas veces como faga falta, ata que o Ministerio asuma as súas responsabilidades cos usuarios desta estrada e coa nosa veciñanza”, asegura.
Mostrou o estado do asfalto como “a punta do iceberg”, pois a iso súmaselle a perigosidade dos pasos de peóns sen semáforo na travesía urbana. Lembrou que se foron remitindo os diferentes informes da Policía Local ao respecto. “Seguimos agardando”, lamentou.
Asfaltado integral
O certo é que en novembro o alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, anunciou que nunha reunión o subdelegado do Goberno, Abel Losada, confirmoulle que se estaba a preparar a licitación do asfaltado integral da estrada. O proxecto, segundo se detallou naquel momento, atopábase “moi avanzado” e existía “vontade do Ministerio de Trasnportes de licitalo nos vindeiros meses”.
Segundo detallaron dende o Concello de Cuntis, actuaríase entre os puntos quilometricos 190 e 223 ou, o que é o mesmo, entre o límite con Caldas de Reis e o alto de Xindriz, beneficiándose deles os concellos de Cuntis e da Estrada. A esta actuación destinaríanse 12,4 millóns de euros.
Imaxe de portada: estado da N-640 na Estrada // Concello da Estrada

Deixar un comentario