O voceiro do BNG da Estrada, Xoán Reices, celebrou que se vaia a colocar na Farola unha escultura de Virxinia Pereira, Castelao e o seu fillo paseando aínda que o PP, nas súas palabras, se tivese apropiado da idea do partido nacionalista. Ademais, criticou que se promova a colocación de estatuas pero se tomben propostas en torno á figura do impulsor do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.
Reices criticou a actitude “cínica sen precedentes” do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e do PP, pois a colocación dunha escultura de Castelao “era unha proposta do BNG que figuraba nunha moción que o PP rexeitou e que agora presentan como idea propia”, asegurou. Aínda así, mostrou a alegría do partido nacionalista por que “polo menos fagan algo”.
Estas declaracións prodúcense despois de que non saíra adiante, só cos votos en contra do PP, a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada no Parlamento que buscaba “garantir o coñecemento” e divulgación da figura de Castelao e da súa obra. O voceiro do BNG na Estrada cualificou este xesto de “ataque ao patrimonio máis emblemático do noso pobo” e dunha mostra de que a figura de Castelao segue a ser “incómoda” para os populares.
“O alcalde quere poñer unha estatua de Castelao na Praza da Farola porque sabe que a figura de Virxinia Pereira e de Daniel é patrimonio sentimental de todos os estradenses. Pero mentres aquí se presumen de iniciativas que non son súas, os seus xefes en Santiago botan o fecho ao acceso público á súa obra e ao seu pensamento”, asegurou Reices.
Reices acusou ao PP de querer “descafeinar” a figura do rianxeiro que casou na Estrada. “O PP acepta un Castelao mudo, de pedra e inmóbil, pero teme ao Castelao nacionalista, republicano e pacifista. Votan en contra de que a xente nova coñeza a súa obra porque o seu legado desmonta as políticas de submisión do Partido Popular”, denunciou.
En canto ao homenaxe a Castelao, recalcan que non pode limitarse á colocación dunha escultura, senón que tería que conlevar “un compromiso firme pola difusión do seu pensamento e a protección do seu patrimonio artístico”, que a día de hoxe se atopa en mans privadas.
“Dende o BNG da Estrada seguiremos apoiando que se honre a Castelao nas nosas rúas, pero non imos permitir que o PP use a nosa vila como un decorado para branquear o seu desprezo pola nosa identidade nacional no Parlamento de Galiza”, concluíu antes de pedir ao goberno local que se posicione: “ou están coa cultura galega e o dereito a coñecer a Castelao, ou están co veto e a censura do seu propio partido”.
Deixar un comentario