Está codirixida pola estradense Ariadna Silva
360. Son as curvas que separaban A Fonsagrada de Lugo, pero tamén as que foron escenario de partos e defuncións daqueles que non daban chegado a tempo ao hospital provincial. Na década dos 90 os veciños da Fonsagrada erguéronse contra o illamento. Non ían contar coa capitalidade de comarca nin ter servizos como a Ofinicina de Extensión Agraria e o Servizo de Extinción de Incendios, pasando a depender de concellos cos que tiñan moi malas comunicacións. O pobo decidiu erguerse e comezaron As Movidas.
Escenas tan simbólicas coma as dos veciños pechándose no Consistorio ou, cos seus picos, pás e carros, eliminando unha das 360 curvas forman parte da longametraxe documental dirixida pola estradense Ariadna Silva Fernández e o zaseiro Alejandro Gándara Porteiro e que dende este venres podese ver nos Minicines Central.

En 360 Curvas abórdase aqueles anos de reclamacións e loitas veciñais, así como o presente e o futuro co testemuño de quen o vive en primeira persoa.
“Eu creo que si que medramos con esa idea máis ou menos presente de que eres adolescente e sabes que aos 18 te piras. E moitas veces, se te paras a analizalo, sabes que te piras aos 18 para non volver”
Testemuño en 360 Curvas
Este venres ás 21.00 horas comeza a proxección da longametraxe en Minicines Central, que nesta xornada conta cun coloquio posterior. As seguintes porxeccións, xa sen coloquio, serán o sábado 14 ás 20.00 horas, o domingo 15 ás 19.00h, o luns 16 ás 21.00h e o xoves 19 ás 19.00 horas, cando se proxectará por última vez.
Nominación aos Mestre Mateo
Asemade, ata o 1 de marzo pódese votar por 360 Curvas na categoría de Premio Especial do Público dos XXIV Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual.
Imaxe de portada: Ariadna Silva (esquerda) e unha das protestas na Fonsagrada (dereita) // 360 Curvas

Deixar un comentario