Fechadas no baño
Fechadas no baño é un podcast no que tres compañeiras de traballo se reúnen no servicio da empresa para falar dos seus problemas, descansar un pouco e facer terapia. Emítese os venres ás 21h00 en Radio Estrada e pode atoparse tamén en Ivoox. As súas creadoras son Paula Carro, Beatriz Bravo e Ruth Pazo.
PAULA: Non somos expertas pero si que temos claro que desde o nacemento da primeira rede social masiva, alá polo ano 2004, hai mocidade que naceu e creceu coas redes sociais no seu entorno familiar. Xa teñen a linguaxe e o “scroll” interiorizado. Así que, en canto teñen o seu primeiro móbil é sinxelo que pensen en ter algunha rede social na que poidan crear un perfil e comezar a explorar e comunicarse.
O problema é que antes dos 16 nos non se debería ter un “smart phone” que che permita acceder a todos estes contidos, non credes? Primeiro, porque o cerebro aínda está en desenvolvemento e pasar demasiado tempo fronte a unha pantalla repercute na concentración e na saúde mental. Hai estudos médicos que xa confirmaron que o mal uso das redes sociais afecta a unha parte do cerebro relacionada coas emocións e a aprendizaxe. Segundo, porque aínda que é unha ferramenta moi útil para expresarse e conectar con xente que teña os mesmos intereses, se se ten acceso a contidos non apropiados é unha ponte para a desinformación e falsas realidades.
BEA: Hai tantos defensores das redes sociais coma detractores. Normal, porque xa todos sabemos que teñen cousas boas e malas. Esteas a favor ou en contra, o que parece claro é que van quedar unha longa tempada. Así que me parecería estupendo que puidesen abordarse xa dende o sistema educativo. Non a súa creación, que xa hai milleiros de titoriais, senón outros aspectos como a importancia de saber cales son as fontes de información dun creador de contido, a súa fiabilidade, a necesidades de contrastar os datos, etc.
RUTH: É que, como en todo, ninguén nace aprendido. As redes sociais entraron de cheo nas nosas vidas e cambiaron en maior ou menor medida o noso xeito de relacionarnos, de informarnos e de entreternos. Coma case todo, ten dúas caras, por iso hai que aprender a aproveitarse de todo o bo que nos ofrecen e aprender tamén a evitar, e defendernos, de todo o malo que levan implícito. Nin hai que poñelas nun altar, nin hai que demonizalas. Hai que aprender a utilizalas. Empezando polo tempo que lles dedicamos.
BEA: Os adultos somos moito de criticar á mocidade polas horas que lle dedican ao móbil e despois botamos máis tempo ca eles co teléfono na man. Temos que ter coidado coa hipocresía.
RUTH: Tés razón. Nós medramos sen móbil e hai que ver que rápido esquecimos que, non hai tanto temo, era doado ver xente lendo un libro ou charlando coa persoa que tiña ao seu carón neses momentos “perdidos” que temos ás veces: nunha sala de espera, no bus, etc. Cambiar iso (e, como adultos, dar exemplo) depende de nós.
PAULA: Si, tería que crearseun “Código de boas prácticas no uso das redes sociais”
RUTH: “Boas prácticas” tamén no que ten que ver coa comunicación en sí: como nos expresamos nelas, evitar ampararnos no anonimto: non escribirlle nada a ninguén que non foses quen de dicirlle á cara. Pero máis importante aínda: non esquecer as conversas reais, cara a cara.
Non deshumanizarnos. Non perder o foco do mundo real.
Imaxe de portada: Fechadas no baño




Deixar un comentario