Tras varias semanas nas que o sol deixouse ver en contadas ocasións, este sábado poderemos ver o sol durante varias horas, segundo as previsións da AEMET. Despois de que o continuo paso de temporais levase a que os traballadores de Emerxencias tivesen unha gran carga de traballo, así como os do departamento de Obras, este sábado semella que o tempo dará un pequeno respiro.
Segundo a AEMET, este sábado comezará con chuvias lixeiras pola mañá, aínda que a mediodía cesarán e os ceos despexaranse. Despois do luscofusco os ceos voltarán a cubrirse. As temperaturas moveranse entre os cinco graos de mínima e os 12 de máxima. O domingo regresarán as chuvias.
Numerosas incidencias
As incesantes chuvias das últimas semanas fixeron que dende Emerxencias A Estrada tivesen que afrontar un gran número de incidencias de forma continuada. Só este mércores tiveron que realizar 30 saídas. “14 árbores en parroquias como Santa Mariña de Barcala, Arnois, Ribeira, Olives, Rubín, Guimarei, Baloira, Matalobos, Lagartóns, Tabeirós, Ribela, Vinseiro ou Orazo, así coma cables caídos en Matalobos e Loimil; uralitas soltas na Avenida de Marín, un portal solto na Rúa Pintor Maside ou anegamentos na Praza da Feira ou en Pontevea, cunha estrada afectada polo desbordamento dun río”, detallou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, este xoves en Radio Estrada.

Do mesmo xeito, tamén houbo numerosas incidencias relacionadas coa electricidade ao estragarse numerosos leds. O mal tempo impediu aos electricistas traballar, polo que chegaron a solicitar aproveitar o bo tempo previsto para esta fin de semana para realizar traballos que non se puideron facer antes, segundo apuntou Louzao.
O mesmo ocorreu coa rede viaria. Apareceron fochancas e as que había foronse incrementando como consecuencia fo efecto erosionador da auga. O estado da N-640 empeorou notablemente, igual que parte dos camiños do rural e das rúas do casco urbano. Ademais, o feito de que non parase de chover fixo que non se puidesen arranxar.
Imaxe de portada: posta de sol dende a contorna do Banco da Boa Sorte // Xornal da Estrada

Deixar un comentario