Chove sobre mollado

Chove sobre mollado

A desidia e o abandono da N-640 na Estrada non teñen que ver cos estragos que causaron as borrascas. A fochanca é fonda, á altura da indignación de quen só recibe a calada por resposta

Gonzalo Louzao · PP

Dúas orellas e unha boca. É unha especie de mantra que repito dende que cheguei á Alcaldía da Estrada. Esta obvia apreciación sobre a fisionomía humana resulta moi plástica e útil para que calquera político lembre que debe escoitar o dobre do que fala. Pero, que sucede cando os que temos responsabilidades de goberno temos que falar con outros dirixentes que nin contestan ni escoitan? Empezo a chegar á conclusión de que non queda outra que berrar, se cadra nun intento desesperado por xerar reacción en quen permanece impasible ou, quizais, para converternos en altofalante das moitas voces que falan sen seren oídas.

Serva esta alegoría para introducirme nun tema que estivo de actualidade estes días na Estrada e que xerou diversas correntes de opinión: o estado da N-640 ao seu paso polo noso municipio.

Esta infraestrutura de comunicación é o noso propio Guadiana. Xurde e desaparece no debate político, nas conversas cidadáns ou no espazo informativo. O estado -absolutamente lamentable- do seu firme fixo que saltara á palestra estes días, co arrastre do tren de borrascas que nos estivo acompañando durante semanas. Nada novo, certo, pero é que chove sobre mollado.

Falemos claro, que é como mellor nos entendemos. Os sucesivos temporais ocasionaron verdadeiros estragos na rede viaria, na que é titularidade do Estado (como a N-640) e tamén nas estradas que pertencen ao Concello. Son moi consciente de que a administración municipal ten moito para onde mirar e moito que arranxar nos seus 2.000 quilómetros de infraestruturas. Se xa nos custa -e podo garantir que moito- chegar ao que temos, este tempo non fixo máis que agravar a situación de moitas estradas. Non pretendo nin negalo nin esquivar responsabilidades. Vimos planificando un esforzo inversor moi grande e o mal tempo, ademais de paralizar as obras, veu complicar a situación. Asumímolo e afrontarémolo. Farano outros? Pois teño que dicir que, se non o contemplaron cando podían facelo, xa perdín a fe en que o fagan agora. Dúas orellas si, pero cos dedos facendo presión para que só pareza que chove.

Sigamos coa claridade, porque penso que aínda hai moita confusión neste tema: a N-640, esa que tanto enerva ao volante e tamén nas redes sociais, non é responsabilidade do Concello da Estrada. O seu arranxo, así como a longamente pretendida variante, corresponde ao Goberno Central. O Concello é, neste asunto un agraviado máis. E non só o somos como usuarios dunha infraestrutura que se desfai ante os nosos ollos cada día, senón porque as nosas queixas non atopan un interlocutor realmente disposto a escoitar.

En sucesivas ocasións o Concello da Estrada deu traslado do mal estado no que se atopa esta estrada nacional, unha situación que non comezou, nin moito menos, cando empezou a chover. Mesmo dunha volta chegamos a crer que se nos escoitara cando vimos aparecer as máquinas nun tramo da N-640, pero o parche foi escaso e non chegou para tapar as vergoñas.

E non só nos queixamos do firme. Tamén puxemos o foco na perigosidade. Remitimos ao Ministerio sucesivos informes da Policía Local pedindo a aplicación de medidas ante os reiterados atropelos (algún con consecuencias fatais) en pasos de peóns da travesía urbana da N-640. Tampouco nisto se nos escoitou. Nin a nós, nin aos axentes, nin aos cidadáns.

Na Estrada temos o moi dubidoso orgullo de que unha estrada nacional atravese o casco urbano de lado a lado, algo realmente sorprendente nunha vila tan poboada como a nosa. Levamos máis de tres décadas pedindo unha circunvalación que retire o tráfico pesado e de longo percorrido da capital estradense. E seguimos sen ser escoitados.

Cando digo que chove sobre mollado é porque a desidia e o abandono coa N-640 non teñen que ver cos estragos que causaron as borrascas. Non é algo deste ano, nin do pasado, nin sequera de hai un lustro. A fochanca é fonda, á altura da indignación de quen só recibe a calada por resposta.

O silencio (dende hai case un ano non houbo máis comunicación) e a inacción sobre esta infraestrutura na Estrada é xa inasumible e inaceptable. A nosa boca terá que seguir berrando ata que a alguén se lle destapen os oídos. Que ninguén esqueza que, ademais de dúas orellas, temos tamén dous ollos. Por sorte ou por desgracia, as miserias da N-640 están á vista de todos.

Comentarios

Deixar un comentario