Circular pola N-640, como dicía un usuario por redes sociais, é unha experiencia que che activa todos os sentidos para intentar evitar todas e cada unha das fochancas. Unha experiencia tan satisfactoria que ata a conta @unvalonocastroloureiro suxeriu en varias ocasións facer obras de arte nelas e a cidadanía xa se organizou nun grupo de Facebook.
O certo é que todos os partidos con representación no Concello reclamaron melloras, tanto nas declaracións que fixeron por vontade propia como naquel A Estrada a Debate que publicou en 2023 este medio e cuxo contido segue vixente a día de hoxe.
Imos lembrar as intervencións de cada partido nos medios de comunicación en relación con este asunto dende novembro de 2025, cando o alcalde de Cuntis anunciou que o Ministerio de Transportes estaría a preparar o proxecto de asfaltado integral da estrada nos concellos de Cuntis e da Estrada.
Os primeiros en posicionarse foron os do BNG. O 17 de xaneiro fixeron un acto reivindicativo colocando as balizas V-16 nalgunha das fochancas da estrada para sinalizar a “situación de abandono absoluto”. Calificaron de “chambonada” os parcheos que se foron facendo nos últimos tempos.
“A N-640 é un desastre e o Goberno español mira para outro lado mentres os nosos veciños e veciñas xogan o tipo e os seus vehículos sofren avarías diarias”, aseguraron naquel entón.

Unha semana máis tarde pronunciábase ao respecto o voceiro do PSOE, Luis López Bueno. Facíao, por vontade propia, no Politicando do Xornal da Estrada. Comezou o seu artigo tildando á N-640 de “exemplo claro de abandono en materia de conservación viaria”.
“Desde o Grupo Municipal Socialista insistimos de maneira reiterada ante o Ministerio de Transportes na necesidade urxente de actuar sobre esta estrada. Non só presentáronse solicitudes formais, senón que tamén se contactou directamente co propio Ministerio para trasladar a preocupación veciñal e a gravidade do problema. Con todo, a día de hoxe, non estamos satisfeitos cos resultados, xa que as actuacións realizadas foron puntuais, insuficientes e claramente afastadas dunha solución integral que garanta un firme en condicións adecuadas”, comentou nese artigo. Ademais, na última semana, ao reclamar un plan de choque para a rede viaria municipal, tamén pediu que o goberno municipal solicite o arranxo desta estrada de titularidade estatal.
N640: Highway to hell
Luis López Bueno · PSOE
O último en falar desta problemática foi o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao. Primeiro fíxoo o 11 de febreiro anunciando que se ían dirixir á Subdelegación do Goberno e ao Ministerio de Transportes e recuperouno dez días despois, o pasado sábado, no seu artigo no Politicando do Xornal da Estrada. Acusou ao Ministerio de Transportes de non atender as súas reclamacións, entre as que tamén se inclúen a mellora da seguridade viaria no casco urbano e a construción da variante. “Isto é un asunto moi serio e un problema de seguridade que non semella importarlle nin o máis mínimo”, asegurou
“En sucesivas ocasións o Concello da Estrada deu traslado do mal estado no que se atopa esta estrada nacional, unha situación que non comezou, nin moito menos, cando empezou a chover. Mesmo dunha volta chegamos a crer que se nos escoitara cando vimos aparecer as máquinas nun tramo da N-640, pero o parche foi escaso e non chegou para tapar as vergoñas”, lamentou.
Chove sobre mollado
A desidia e o abandono da N-640 na Estrada non teñen que ver cos estragos que causaron as borrascas. A fochanca é fonda, á altura da indignación de quen só recibe a calada por resposta Gonzalo Louzao · PP
Sexa como for, o certo é que a día de hoxe aínda non coñecemos se se produciron avances no proxecto citado anteriormente e a N-640 sufriu o efecto dos temporais e do constante paso do tráfico. Pero a conclusión é a mesma: é moi necesario.
Imaxe de portada: fochancas na N-640 en pleno casco urbano // Xornal da Estrada

Deixar un comentario