Propoñen a creación dun espazo interxeneracional no antigo Xulgado

O PSOE estradense presentou unha moción para a creación dun espazo interxeneracional na Estrada, algo que xa avanzara o voceiro do partido, Luis López Bueno, nun artigo de opinión no Xornal da Estrada. Entre as súas propostas atópase a posibilidade de que este espazo se sitúe no antigo edificio xudicial.

Dende o Grupo Municipal Socialista expoñen que o concello “necesita unha iniciativa que fomente a conexión e comprensión mutua entre xeracións” que se vería solventada con esta iniciativa, que “serviría como punto de converxencia, onde as historias de vida e os coñecementos de maiores se entrelazarán coa enerxía e perspectivas innovadoras da mocidade”.

Este espazo, segundo se recolle na moción socialista, poderíase situar no antigo Xulgado Nº1 da Estrada, posto que a edificación “pode pasar a patrimonio municipal de forma gratuíta”, aínda que tamén se contempla a construción dunha nova edificación. Sexa cal sexa a opción elixida, tería que estar “deseñada para ser accesible a todas as persoas”.

Nel desenvolveríase “un programa diversificado que inclúa actividades culturais, deportivas, educativas e recreativas adaptadas ás diferentes necesidades e intereses de cada grupo de idade” e incluso se poderían “establecer alianzas coas organizacións locais, intitucións educativas e grupos comunitarios para enriquecer a oferta de actividades e fomentar a participación activa de voluntarias e voluntarios de diferentes idades”.

“O espazo podería ofrecer oportunidades de aprendizaxe continuada, promovendo habilidades sociais, culturais e deportivas que enriquecerán as vidas dos seus participantes e, por extensión, a nosa veciñanza en xeral”, engaden os socialistas na súa moción. Ademais, contemplan que se converta nun “antídoto contra a soidade e o illamento” e indican que “aspiramos a que A Estrada sexa recoñecida como un referente en boas prácticas en integración interxeneracional”.

Esta proposta xa a avanzou o voceiro do PSOE, Luis López Bueno, no Politicando do Xornal da Estrada. “Esta proposta é unha aposta por unha veciñanza máis inclusiva, activa e, sobre todo, unida. É hora de construír esa ponte que asegure que cada xeración, sen importar a súa idade, teña un lugar onde contribuír ao benestar común”, asegurou no artigo que redactou para esta sección.

Comentarios

Deixar un comentario