O Concello da Estrada vai comezar a revisar as licencias de vaos do casco urbano após constatar que se están a producir “demasiadas baixas que non obedecen ás motivacións habituais de cambio de residencia, por exemplo”, segundo informou o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán. Estar ao corrente do pago da taxa de vaos é obrigatorio para poder facer uso dos garaxes.
Esta supervisión vaise facer en colaboración do ORAL e vai comezar polas rúas San Paio e Pérez Viondi, nas que se veñen de aplicar cambios no estacionamento aproveitando as obras da Farola.
Durán recoñeceu que están asociando o número de baixas á falsa crenza de que o feito de ter un vado garante sinxelamente unha reserva de estacionamento. Por iso, aproveitou para lembrar que, se para meter o coche no garaxe temos que cruzar unha beirarrúa ou vía, é obrigatorio pagar unha taxa, pois o vehículo atravesa bens de dominio público.
“O que faremos é comprobar que esas taxas están dadas de alta nas entradas e saídas de vehículos existentes”, informou Durán. En caso de darse o caso de que non existe esa alta, primeiro comunicarase que é obrigatorio estar ao corrente da taxe e, de facerse caso omiso, procederase a inutilizar a entrada.
“Con esta licencia de vao, por un lado asegúrase que non se poida estacionar diante do inmoble e sexa posible acceder ao seu interior en calquera momento, pero tamén é de pago obrigatorio o propio acceso a garaxes pola afección ao dominio público”, incidiu o concelleiro.
O prezo da taxa é de 5,22 euros por metro ao ano, polo que a maioría dos inmobles afrontan un pago aproximado duns 15 euros. O pago do vao pasegura que non se poida estacionar diante da entrada en cuestión, algo que tamén se aplica ao posuidor da licencia.
Imaxe de portada: vao na Estrada // Xornal da Estrada

Deixar un comentario