O informe de Automovilistas Europeos Asociados (AEA) puxo novamente a situación da N-640 sobre a mesa, neste caso pola perigosidade da travesía urbana. “Precisa medidas urxentes que incrementen a súa seguridade”, concluíu o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, tras coñecerse o informe de AEA que sitúa o quilómetro 204 da estrada nacional (do centro de saúde á intersección coa Avenida de Santiago) como o quinto máis perigoso de Galicia no periodo comprendido entre o 2020 e o 2024.
O tramo urbano da N-640 foi o quinto máis perigoso das estradas nacionais en Galicia entre 2020 e 2024
A perigosidade reduciuse respecto ao periodo 2019-2023, segundo o informe de Automovilistas Europeos Asociados
“O que alarma neste deste punto conflitivo da N-640 na Estrada é que estes sinistros están vencellados a atropelos producidos no atípico paso dunha estrada nacional por un casco urbano como o da Estrada”, subliñou Louzao antes de engadir que os atropelos rexistráronse, maioritariamente, en pasos de peóns e deixaron feridos de distinta consideración e, incluso dous falecidos. O certo é que dende 2019, producíronse 10 atropelos no casco urbano, que deixaron un balance de 2 falecidos e 9 feridos.
Zona perigosa, pero non de concentración de accidentes
“A día de hoxe seguimos sen máis resposta por parte do Goberno Central que o feito de que non consideren que a nosa travesía sexa un Tramo de Concentración de Accidentes”, asegurou Louzao. “A nosa preocupación, compartida por moitos estradenses, ignórase co escudo da súa estatística”, lamentou.
O termo Tramo de Contentración de Accidentes (TCA) emprégano a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e o Ministerio de Transportes para referirse “aos puntos perigosos da súa rede. Este concepto está asociado á existencia de certos tramos da rede onde o risco de que se produzan accidentes é maior que noutras seccións de semellantes características”, tal e como se define nos informes do propio ministerio.
Louzao Dono lembrou que na resposta do Goberno ao grupo do Partido Popular no Congreso dos Deputados en decembro de 2024 indicouse que non existen TCA en toda a provincia de Pontevedra e que se reforzou a seguridade nos pasos de peóns con novas marcas viais e balizas que impiden estacionar nos 10 metros anteriores a cada paso.
Na mesma contestación ofrecéronse os datos de accidentes con vítimas entre 2019 e 2023 entre os puntos quilómetricos 202 e 206, é dicir, entre a zona na que se atopan o estanco e A Fogaza, en Lagartóns, e a intersección na que se atopa Martínez Otero. En 2019 foron 10, tanto en 2020 coma en 2021 só se rexistrou 1 e os sinistros ascenderon a 4 e 6 en 2022 e 2023, respectivamente. Cómpre sinalar que nesta categorización inclúense outros tipos de sinistros que non son atropelos.
Informes policiais
Entre as propostas feitas pola Policía Local para aumentar a seguridade dos pasos de peóns atópanse o pintado dos pasos de peóns con colocación de sistemas luminosos na calzada; o pintado de liñas quebradas ou “dentes de dragón” na zona de influenza dos pasos con dispositivos de redución da velocidade ou a sinalización vertical con dispositivos luminosos. A iso súmaselle a tan ansiada e prometida por todos os gobernos construción da variante.
Dende a Policía Local tamén apuntan á necesidade de mellorar a sinalización da rotonda do Mercadona pola confusión que provoca e pola ausencia dun sinal que prohíba o cambio de sentido no final do carril de servizo en dirección Pontevedra. Outro punto no que serían necesarias actuacións en materia de seguridade é en Ponteliñares (Callobre).
Imaxe de portada: Travesía da N-640 na Estrada // Concello da Estrada

Deixar un comentario