O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, explicou no Xornal da Estrada diferentes asuntos relacionados co lixo. Entre eles, atópanse como se abren os contedores marróns, o tamaño das bocas dos contedores amarelos e os problemas que existen cos voluminosos.
Comezou recoñecendo que se chega tarde na implantación do contedor marrón, algo que tamén ocorrería “en toda España”. Neste colector pódense verter restos de alimentos, cáscaras e verduras, entre outros e o seu uso, polo de agora, é voluntario pero, advirte, “vai ser obrigatorio”.
Para o seu emprego é necesario recoller as tarxetas que permiten abrilo, algo que se pode facer nas haimas informativas que se instalan os mércores e os sábados diante da Sala Abanca ou en Alcaldía, no Concello da Estrada. Unha vez temos a tarxeta, cando se vaia tirar o lixo primeiro hai que pasala polo lector que ten o contedor na tapa para que se poida abrir e, despois, verter os residuos que están permitidos.
“Este contedor vén substituíndo aos contedores verdes, ao que lle chaman o RSU, que tería que pasar a ser moito máis pequeno e este [o marrón], pasar a ser máis grande. Porque, segundo as estadísticas, o 50% dos residuos que temos son orgánicos”, informou.
Repercusión nos petos
A instalación e uso xeralizado do contedor marrón, segundo comentou Durán, permitirá unha reducción na factura que Sogama traslada ao Concello e, á vez, na taxa do lixo.
Por lei, o Concello ten que cobrar aos contribuíntes a totalidade do custo do servizo de lixo. “Estamos cun déficit de máis do 50%. Pagamos un millón e medio e recaudamos 800.000, debemos 800.000 euros”, informou Durán. “Iso, en teoría, debería de asumilo a cidadanía. Que fixemos nós? Estamos obrigados? Correcto, pero somos conscientes de que hai un servizo deficiente, somos conscientes de que, a través destes medios, podemos reducir a taxa e podemos reducir ese millón e medio a unha cantidade ‘x’ na que todos, cidadáns incluídos, estamos implicados. Canto mellor o fagamos todos, menos imos pagar”, explicou.
Outras das medidas implementadas polo seu departamento para reducir o custo do servizo foi a implantación de illas de contedores e da carga lateral, que permite reducir de 3 a 1 os operarios necesarios para a recollida.

Deixar un comentario