Ata o vindeiro venres A Estrada acolle o seu primeiro Erasmus+, un programa financiado pola Unión Europea e que, neste caso, está organizado por Imaxina e Axuda e aborda o deporte inclusivo. Participan 16 persoas procedentes de Serbia, Ucraína, Grecia, Portugal e España e con diferentes rengos de idade.
Laura Piso, organizadora deste proxecto, comenta que “primeiro, queremos que se coñezan a eles mesmos, porque todos temos estereotipos. Ti cando traballas inclusión primeiro tes que traballar sobre ti mesmo”. Ao longo da semana na que están na Estrada aprenderán a traballar con persoas con diversidades, tales como a cegueira ou o autismo.
Contan cun amplo abano de actividades: “hai un taller sobre baloncesto en cadeira de rodas, por unha asociación que se chama Basketnia, da Federación Galega de Deporte Adaptado, e tamén eu son integradora social, entón eu tamén dou formación sobre integración social en xeral”, exemplifica.
“O máis importante é ter a ferramenta para saber como traballar e como facer actividades máis inclusivas”
Laura Piso, Imaxina e Axuda
“Para min o máis importante é que teñan as ferramentas, porque, ao final, cada persoa é dun sitio, de asociacións distintas, entón o máis importante é ter a ferramenta para saber como traballar e como facer actividades máis inclusivas”, engade Piso.
A Estrada convértese en sede dun Erasmus+: “Unha experiencia moi gratificante nun sitio maravilloso”
Os participantes destacan a boa experiencia que están a vivir e o acollemento dos estradenses
En canto ao motivo que a levou a crear este proxecto Esrasmus, Laura Piso resúmeo en moi poucas palabras: “porque estou metida no rollo”. “Porque unha vez te metes, realmente é viaxar, coñecer xente, coñecer culturas e, ademais, toda a xente que está metida é xente con ganas de comerse o mundo e, sobre todo, de saber máis e mellorar. Por así decilo, é unha adicción. Eu unha vez comecei a viaxar e a todo isto, dixen ‘necesito facelo aquí’”, explica.
“Toda a xente que está metida é xente con ganas de comerse o mundo e, sobre todo, de saber máis e mellorar”
Laura Piso, Imaxina e Axuda
E igual que os participantes cos que tamén conversamos, Laura Piso non dubida á hora de animar á xente a participar no Erasmus+. “Eu espero que saian máis cousas de Imaxina e Axuda para así empezar a mandar xente da Estrada fóra, porque este é un mundo que está moi ben pero é moi complicado coñecer. Se non coñeces a alguén que estea dentro, non o vas coñecer, porque a xente pensa en Erasmus e pensa no da universidade, pero isto é Erasmus+, é un programa un pouquiño distinto pero necesitas que alguén cho achegue”, comenta.
“Este é un mundo que está moi ben pero é moi complicado coñecer”
Laura Piso, Imaxina e Axuda
Imaxe de portada: Laura Piso durante unha das dinámicas do Erasmus+ // Xornal da Estrada

Deixar un comentario