Se esta Semana Santa fixeches coma nós e desconectaches, aquí tes o resumo das noticias máis destacadas desa semana.
Índice
Vanse pintar pasos de peóns na Farola

Despois de que o venres 27 se abrira ao tráfico a Farola, o feito de que non contase con ningún paso de peón xerou dúbidas e inseguridade entre peóns e condutores. O martes 31 o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, anunciou que se van pintar pasos de peóns
“O feito de ir abrindo partes dunha obra que aínda está en marcha permítenos realizar comprobacións a pé de rúa do que se vai abrindo e adoptar os cambios que se estimen convenientes”, sinalou o rexedor sobre esta modificación no proxecto.
López Bueno pide que se fagan as melloras prometidas na PO-213
Ese mesmo día, o voceiro do PSOE, Luis López Bueno, reclamoulle á Xunta o cumprimento dunha promesa que fixeron todos os partidos da Estrada cos veciños e veciñas das parroquias polas que pasa a PO-213: a adecuación do ancho de vía, a pavimentación completa e a reparación das pontes coas que conta esa estrada.
“Tres anos despois daquela reunión, a realidade é que a situación empeorou exponencialmente e os compromisos adquiridos quedaron en palabras baleiras”, sinalou. Ademais, comentou que “botamos en falta a protesta do alcalde polo feito de que esta obra non figure nos orzamentos autonómicos, a pesar de que existe xa un proxecto redactado e un orzamento previsto de 12 millóns de euros que non aparece nas contas públicas”.
O PP anunciou novas iniciativas en relación ao estado da N-640

O alcalde da Estrada e presidente do PP local, Gonzalo Louzao, convidou aos deputados Pedro Puy e Juan Bayón para solicitarlles que fagan novas iniciativas en relación ao estado no que se atopa a N-640.
Pedro Puy lamentou que os bacheos que se están a facer noutras zonas, coma en Cuntis, non cheguen á Estrada, cando se ten anunciado o seu próximo inicio. “Esta triste situación afecta a moita xente porque hai un perigo evidente e un risco grave, e aí están as cifras, pero é que ademais estamos ante unha deixadez lamentable, porque o Goberno está a bater o seu récord de recadación cos impostos dos cidadáns mentres as estradas non reciben nin un mínimo mantemento”, comentou.
Sabotean unha pala que traballaba no arranxo da N-640 en Cuntis

Na madrugada deste sábado ardeu unha das palas que se estaba empregando no parcheo da N-640 en Cuntis. Todo apunta a que foi intencionado, pois a batería levaba varios días desconectada e o prado no que se atopaba, no lugar da Portela, non tiña nada preto que puidera provocar o lume.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, sinalou ao PP polos seus discursos en torno a esta estrada porque, segundo el, provocan que “persoas perturbadas ou que responden a estes parámetros fagan actos vandálicos deste tipo”. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, pediu que “non se sembre o odio con estas cousas” e comentou que este acto provocou danos materiais superiores aos 100.000 euros.
Polémica pola non actuación de Stradanza e Sondodance no San Paio
Unha publicación en redes sociais na que se anunciaba que nin Stradanza nin Sondodance farían os seus festivais fin de curso no San Paio, como viña sendo habitual, provocou a polémica. Finalmente, ambas actuarán o domingo 7 (Sondodance) e sábado 13 (Stradanza) de xuño na carpa que se instalará para a Festa do Salmón e a Feira da Sidra.
Dende a comisión dos festexos sinalaron que as escolas non aceptaran as datas propostas, que era cando non tiñan programación e que en ningún momento esixiron contraprestación económica algunha.
A Estrada terá máis de 250 mesas de terrazas

A bonificación do 30% na taxa para os establecementos que manteñan a terraza operativa durante seis ou máis meses, levou a un incremento do período de ‘terraceo’, chegando a ser dende abril ata decembro. Esta ano haberá máis de 250 mesas, a maioría delas con catro cadeiras.
O PP activa a maquinaria electoral

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López Diéguez, celebrou un encontro cos alcaldes, voceiros e concelleiros populares das comarcas de Tebeirós – Terra de Montes e Deza. Nel instou aos grupos locais a “traballar arreo desde xa mesmo nas cuestións orgánicas e de partido, porque somos unha zona de referencia e porque nos xogamos moito nas eleccións municipais”, e empregar a receita de “estar na rúa, colocar aos veciños como única prioridade e actuar coa máxima cercanía que sempre nos caracterizou”.


Deixa unha resposta