O goberno municipal quere actualizar o rueiro fiscal da Estrada coa creación dunha nova categoría: a A Especial. Este grupo estaría formado polas prazas da Constitución, da Feira (co Campo da Feira incluído) e do Mercado, polas rúas Ponteareas, Calvo Sotelo, Gradín, José e Severino Trigo, Ulla e Waldo Álvarez Insúa e polas travesías da Igrexa e de Vea.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE, alertou de que en todos os grupos as taxas aumentarían un 2,3% amparadas na actualización do IPC, pero que nas zonas que pertenzan á nova categoría, “van ter un incremento nas taxas dun 32%”.
Asegurou que “non había ningunha necesidade de crear ningunha categoría nova no rueiro fiscal” e que os cambios vanse notar en 12 taxas, principalmente en “Terrazas, Postos da Feira e Licenzas de Obra”.
Deste xeito, nesta zona os locais hosteleiros pasarán de pagar 4,28 euros mensuais por cada mesa a 5,69; de 2,12 euros mensuais por cada cadeira a 2,82; e de 2,62 a 3,48 euros polo metro cadrado do toldo. Os postos de feira e festa pagarán 1,26 euros polo metro fronte aos 0,95 actuais e, no caso de ser mercados e mercadiños dun día, 1,58 euros por cada metro fronte aos 1,19 de agora. No caso das licenzas de obra, se son obras maiores as taxas pasarán de 141,15 euros a 187,72 euros e, se son obras menores, de 89,11 a 118,51 euros.

O socialista cre que, coa actualización do rueiro fiscal, Louzao está “complicando aínda máis” ter negocios na Estrada e que, ante o problema da vivenda, a solución dos populares “é subir as licenzas en vez de facilitar e axilizar a tramitación dos expedientes”.
Engadiu que estes non serían os únicos incrementos, porque tras incrementar as taxas “menores” poderían aplicar o rueiro fiscal “a outros impostos e taxas como lixo e auga e incluso resuba do IBI”.
Ademais, López Bueno comentou que na comisión do pasado mércores intentou que se reduciran as zonas afectadas e que San Paio, Capitán Bernal e a avenida de América pasaran ao grupo C, pero que desde o PP non quixeron valorar a súa proposta.
“O rueiro fiscal é unha excusa para facer subas agora, pero é unha ferramenta para poder facer subas maiores no futuro”.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE
Imaxe de portada: Rúa Calvo Sotelo // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario