A permanencia da farola gaña con 820 votos mentras que o resto das opcións reciben menos de 200

A permanencia da farola gaña con 820 votos mentras que o resto das opcións reciben menos de 200

Os resultados non deixaron marxe ás dúbidas. Tras unha frenética mañá na que votaron 500 estradenses en tres horas, a participación total ascendía a 1179 votantes.

As longas ringleiras foron a tónica xeral das últimas horas de votación, nas que o concelleiro Óscar Durán tivo que estar repartindo as papeletas e nas que se tivo que buscar a forma para definir onde e cando se pechaba a votación. A opción elixida foi entregarlle as papeletas a todos os que estivesen na fila antes das 13.00h, hora á que tiñan que pechar as urnas. Aínda que se empregou este sistema, o último voto rexistrouse 20 minutos máis tarde.

A ringleira, a poucos minutos do peche // O Xornal da Estrada

Tras el comezaba un reconto que deixou dous resultados claros: manteráse a farola na súa ubicación actual – coa posibilidade de realizar un lixeiro desprazamento para axustala ao deseño – e co modelo actual. Deste xeito, os dous farois que eran candidatos permanecerán nas súas respectivas prazas.

A opción de manter o farol na súa ubicación actual gañou con 820 votos fronte aos 173 de desprazalo ás proximidades da estatua da Rapa das Bestas e aos 154 de colocalo na contorna da nova fonte. En canto aos farois, o actual recibiu 683 votos e, o da praza do Mercado, 453.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, asegurou que “hoxe escribimos unha marabillosa parte da nosa historia” porque os estradenses volcáronse a votar nunha convocatoria feita para “escoitar”. Comentou que desde o goberno local querían que os estradenses “escolleran o destino e cal ía ser ese elemento protagonista”.

Lembrou que a peonalización da Farola vai ser “a guinda do pastel” da peonalización do centro da Estrada e que o farol “será un símbolo de unión” e “como unha bandeira máis”.

Luis López Bueno, voceiro do PSOE, celebrou que o da ubicación fose “un resultado claro” e agradeceu “a todos os veciños e veciñas que vos implicástedes na campaña de firmas, que fixéstedes un último esforzo para facer admisible o voso voto”. Mostrouse satisfeito “pola contundencia da resposta á hora de dicirlle a este goberno que ten que manter a farola no seu sitio”.

Desde o BNG tamén festexaron o resultado e pedíronlle ao PP que reflexionen porque “ter a maioría absoluta non dá a razón”. Ademais, parabenizaron aos estradenses “por esta mobilización”.

Mensaxes nas papeletas

Algúns dos votantes deixaron as súas mensaxes nas papeletas. No primeiro que apareceu era dunha “veciña cabreada” que aseguraba que “a min impórtame pouco onde ti queiras a farola, como se queres levala para diante da porta da túa casi. Noutra papeleta aparecía outa mensaxe. Algúen pedía que se recupere “a Alameda vella”.


Imaxe de portada: a farola, na súa ubicación actual // O Xornal da Estrada

Comentarios

2 respostas a “A permanencia da farola gaña con 820 votos mentras que o resto das opcións reciben menos de 200”

  1. Avatar de A reforma da Farola comezará en outubro polos seus arredores – Xornal da Estrada

    […] un dos recordos que leve asociada esta reforma será a da ocasión na que os estradenses votaron para evitar o cambio de ubicación do farol que bautiza oficiosamente á Praza de […]

    Gústame

  2. Avatar de Este martes comezarán as obras da Farola – Xornal da Estrada

    […] un dos recordos que leve asociada esta reforma será a da ocasión na que os estradenses votaron para evitar o cambio de ubicación do farol que bautiza oficiosamente á Praza de […]

    Gústame

Deixar un comentario