A Ulla Viva celebrou este mércores unha charla no MOME sobre os efectos da fábrica de Altri no Ulla. O acto estivo presentado por Pablo Carracedo ‘Jásper’, cantante estradense do grupo Loita Amada e autor da canción O seu puñal, e contou coa participación de Marta Gontá, presidenta da Ulloa Viva, e de Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da USC e coautor do informe do Consello da Cultura.
Gontá explicou que 130.000 persoas beben das augas do Ulla e lembrou que o Estudo de Impacto Ambiental recoñece a vertedura de 30 millóns de litros de auga ao día a 27 graos.
Ante este “panorama”, fixo un chamamento á participación na “manifestación nacional histórica” do 15 de decembro que comezará na Alameda de Santiago e rematará na Praza do Obradoiro. Asegurou que se vai “pararesta macrocelulosa” e que “ao final o presidente da Xunta terá que acabar por darnos á razón aos veciños e veciñas e deixar de defender os intereses dos cartos duns poucos contra todo un país”.
López Iglesias comentou que Altri só vai crear 544 empregos directos e indirectos e detallou que “os impactos indirectos beneficiarían principalmente a empresas situadas fóra de Galicia”, polo que “tería un impacto reducido na economía galega”.
Ademais, afectaría á economía gandeira da zona e reforzaría a especialización da cadea forestal.
Imaxe de portada:
Acto no MOME // A Ulloa Viva


Deixar un comentario