López Bueno replica: é posible instalar fibra e reformar o Centro de Saúde con fondos europeos

López Bueno replica: é posible instalar fibra e reformar o Centro de Saúde con fondos europeos

Luis López Bueno, voceiro do PSOE, replicou a Gonzalo Louzao sobre os fondos europeos, insistindo en que “Gonzalo e o seu goberno están empeñados en demostrar que lles queda grande dirixir o rumbo da Estrada”.

O socialista recomendoulle ao mandatario que cambie de consultora ou que sexa el quen lea as convocatorias e asegurou que, sobre o antigo Centro de Saúde, “os técnicos públicos que consultamos nós indican que é perfectamente posible destinar fondos europeos a edificios cedidos. Unicamente deben cumprirse os requisitos de que a cesión de uso obrigue ao mantemento e reparación da instalación e que o termo sexa indefinido ou supere o horizonte de 2035 (prazo de execución dos fondos + 5 anos)”.

Repasou outros casos nos que os populares non foron “capaces de ler as convocatorias de financiamento”, como que a cesión de edificios non entra no Plan + Provincia ou cando se intentou financiar a reforma do Campo da Nogueira con fondos do Plan Concellos.

Pediulle a Louzao que pida a cesión do edificio e que “presente unha consulta formal” cando abra a convocatoria dos fondos. Asegurou que “neste momento non hai expediente aberto porque o Concello non o iniciou e iso non é discutible” e que “parece que o alcalde non sabe como é o procedemento nin parece disposto a preguntarllo á secretaría municipal”.

Fibra no rural

Sobre a extención da fibra no rural, acusou ao goberno de facerlle “caso a calquera parte interesada que consulta”, asegurando que “é posible incluír un proxecto que tire fibra propia para conectar instalacións municipais no rural e ofrecerlle ao cidadán a posibilidade de relación dixital coa administración”.

Tras isto, poderíase elaborar un plan que faga chegar o internet ás vivendas e afirmou que esta é unha das “excepcións moi concretas” das que falaron os populares.


Imaxe de portada: Antigo Centro de Saúde // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario